Pestanas principais

O alcalde de Ames reúnese con representantes da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro para informar das actuacións que se acometerán no polígono

Venres, 01 de febreiro de 2013

[01-02-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, mantiveron unha reunión cos membros da xunta directiva da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, co seu presidente Javier Santos, á cabeza. O obxectivo deste encontro foi informar aos empresarios das actuacións que se van levar a cabo no parque empresarial tras a concesión dunha subvención por parte da Consellería de Economía e Industria. Ademais, as dúas partes estudaron a viabilidade de realizar proxectos conxuntos e comprometéronse a manter o contacto e a fixar unha nova reunión en marzo.

No encontro, os representantes municipais e os empresarios trataron a posibilidade de crear novas bolsas de aparcamento e presentouse un estudo sobre este tema. Tamén se abordaron pequenas actuacións que serían acometidas no parque empresarial polo Concello.

A reunión serviu para analizar diferentes opcións que permitan mellorar a fluidez do tráfico no nudo de entrada ao Milladoiro e o parque empresarial. Sobre este aspecto, o alcalde de Ames comprometeuse a iniciar contactos coa Xunta de Galicia e co Ministerio de Fomento.

Ademais, os membros da xunta directiva da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro apostaron pola posibilidade de ampliar o parque empresarial co obxectivo de atraer emprego. Sobre esta cuestión, o Concello amosou o seu total apoio a todas aquelas medidas que poidan supoñer  a creación de empresas.

Tanto o rexedor como o concelleiro explicáronlles aos membros da xunta directiva que o Concello vén de acadar unha axuda da Consellería de Economía e Industria, dotada con máis de 211.000 euros, para mellorar os accesos, conexións viarias e infraestruturas do parque industrial do Milladoiro. Con este importante investimento, potenciarase o parque industrial amiense mellorando o seu acceso principal pola Avenida Muíño Vello, no Milladoiro, e levarase a cabo a súa conexión coa variante Galanas-Pardiñas da autovía AG-56 a través do acondicionamento dunha vía alternativa. Ademais, colocarase un colector que aliviará o bombeo actual, co conseguinte aforro enerxético que isto suporá.

O alcalde explicou que con esta subvención, incluída nunha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais cofinanciadas con fondos Feder, “desenvolveranse e potenciaranse as comunicacións do polígono industrial amiense”.

O rexedor destacou que, deste xeito, “solventaranse algunhas das carencias de infraestruturas e servizos comúns que rexistra actualmente o parque, que conta cun altísimo nivel de ocupación de empresas”. “O obxectivo é a actualización do polígono e das súas conexións”, engadiu. Santiago Amor fixo fincapé en destacar “a importancia de mellorar un motor empresarial como é o polígono industrial para Ames, que dá emprego a moitos dos nosos veciños e veciñas”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Trasladan a la patronal la conexión del polígono de O Milladoiro y la autovía"