Pestanas principais

O alcalde de Ames reúnese coa nova directiva da Asociación de taxistas de Ames

Martes, 11 de marzo de 2014

[11-03-2014] O goberno municipal de Ames vén de manter unha xuntanza cos representantes da nova xunta directiva da Asociación de taxistas de Ames que se renovou recentemente. Nesta xuntanza participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Asociacionismo, Carmen Verde, e os representantes dos taxistas, entre os que se atopaba o seu presidente, Agustín Núñez. Neste encontro analizaron a entrada en vigor da nova lei do taxi, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia, así como a adecuación desta lei á normativa vixente en Ames. A través desta reunión cos taxistas amienses dáse continuidade ao traballo xa feito anteriormente coa anterior xunta directiva desta asociación na que se lle posibilitou aos taxistas colocar publicidade nos seus vehículos e se iniciou a realización dunha ordenanza municipal sobre o servizo de taxis.

Seguindo a liña de traballo iniciada polo goberno municipal cos diferentes organismos asociativos do concello, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Asociacionismo, Carmen Verde, mantiveron unha xuntanza coa nova directiva da asociación de taxistas amienses, que se renovou recentemente, e que está formada por Agustín Núñez, que ocupa o cargo de presidente, Andrés Núñez, vicepresidente, Gustavo Castro, secretario, e Santiago Núñez, tesoureiro. Deste xeito, tanto o alcalde como a concelleira puideron coñecer aos novos membros desta xunta directiva.

Este encontro serviu de presentación, pero tamén se trataron outros temas como a entrada en vigor da nova lei do taxi, que foi aprobada o pasado ano no Parlamento de Galicia. Trátase dunha lei que regula a actividade profesional de 4.000 condutores en toda Galicia, entre eles o colectivo de taxistas de Ames. No concello de Ames hai concedidas un total de 15 licenzas e existen dúas paradas de taxis, unha en Bertamiráns e outra no Milladoiro.

Por outra banda, abordouse a aplicación desta lei á normativa vixente en Ames. O texto resérvalle á Xunta de Galicia a tutela na concesión das licenzas, aínda que formalmente a concesión correspóndelle aos concellos. Ademais, nesta lei prevese a unificación de tarifas e a implantación dun único teléfono de chamada para toda Galicia. Un dos temas máis importantes que se abordaron nesta xuntanza foi o dos taxímetros, así como as tarifas a aplicar.

Esta xuntanza é unha continuación das que previamente xa se mantiveron coa anterior directiva dos taxistas. Cómpre lembrar que anteriormente xa houbo xuntanzas con este colectivo para abordar temas como o da colocación de publicidade nos taxis ou a reubicación das paradas de taxis que están situadas nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “este encontro de traballo resultou moi satisfactorio porque ademais de coñecer aos novos membros da xunta directiva da asociación de taxistas de Ames puidemos abordar cuestións importantes para os profesionais deste sector como son a nova lei do taxi e a situación na que se atopa o sector do taxi no noso concello. De cara ao futuro seguiremos en contacto para abordar estas e outras cuestións importantes para os membros desta asociación”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames reúnese coa nova directiva da Asociación de taxistas de Ames"