Pestanas principais

O alcalde de Ames reúnese coa conselleira de Sanidade para tratar varios temas do eido sanitario

Luns, 13 de xullo de 2015

[13-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, vén de manter unha reunión coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na que tamén estiveron presentes a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, e a concelleira de sanidade, Luísa Feijóo, co obxectivo de tratar varios temas de vital importancia para a veciñanza amesá como son a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro e a reorganización funcional de espazos no centro de saúde de Bertamiráns.

O rexedor municipal trasladoulle á conselleira información sobre a parcela cedida para a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro, sobre a que actualmente hai un contencioso de longo percorrido, polo que o Concello vai analizar outras parcelas, entre elas a que está actualmente cedida á Consellería de Presidencia para a construción dun parque de bombeiros.

Neste punto, o alcalde informou da súa intención de contactar con Presidencia coa finalidade de obter un certificado no que se asegure que non se vai construír o devandito parque, de xeito que lle permita ao Goberno municipal solicitar a reversión do terreo. Así, unha vez obtida esa reversión, o Concello poríase de novo en contacto coa consellería de Sanidade co obxectivo de seguir avanzando nos trámites administrativos para a construción dun novo centro de saúde.

Por outra banda, tamén se falou na reunión da posible ampliación vertical do actual centro de saúde do Milladoiro, unha opción que quedou descartada debido aos informes dun estudo realizado pola Consellería de Sanidade, que constatan “dificultades extremas” para executar esta actuación. O Concello informou tamén de que están practicamente rematadas as obras de reforma do actual centro de saúde desta localidade, que se iniciaron ao abeiro dun convenio asinado entre a Consellería e o Concello na pasada lexislatura.

Centro de saúde de Bertamiráns
Por último, o rexedor municipal tamén solicitou unha reorganización funcional de espazos no centro de saúde de Bertamiráns, co obxectivo de buscar novas áreas no edificio. Así mesmo tamén se falou que de cara ao futuro non habería inconveniente para unha posible ampliación deste centro de saúde, debido a que o Concello dispón de terreo de titularidade municipal nos arredores do actual edificio. Neste eido, a conselleira indicou que trasladaría a proposta á xerencia da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) de Santiago para o seu estudo.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou “a axilidade coa que se realizou esta xuntanza despois de que fose el mesmo a que a solicitase por carta o pasado 15 de xuño”. Deste xeito, “dálle as gracias Rocío Mosquera pola amabilidade mostrada convocando esta xuntanza para recibilo” e tamén “móstrase satisfeito coa boa disposición da conselleira de Sanidade, para intentar construír un novo centro de saúde no Milladoiro”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reclama el solar del parque de bomberos para el centro de salud"