Pestanas principais

O alcalde de Ames reúnese coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI)

Xoves, 17 de outubro de 2019

O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo unha xuntanza institucional co vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Ramón Sestayo Lestón. Esta xuntanza serviu para coñecer de primeira man a contratación social responsable que a entidade está a levar. Esta toma de contacto co goberno de Ames tamén permitiu avanzar no traballo que desenvolve esta confederación en Ames e os futuros proxectos que se poidan levar a cabo conxuntamente.

Na xuntanza abordouse o tema da accesibilidade, onde o Concello de Ames está a desenvolver un plan de acción de adaptación dos edificios municipais. Na actualidade estanse eliminando as barreiras dos edificios do Pazo da Peregrina e das oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro. O goberno municipal trasladoulle a COGAMI o esforzo de investimento que leva realizado nos últimos 4 anos con máis de 1 millón de euros investidos e a programación dos investimentos que están para saír co investimento de 100.000 euros para obras de accesibilidade a partir do Plan Impulsa Ames da EDUSI.

Neste sentido, falouse sobre a posibilidade de establecer un asesoramento directo na realización das obras de cara a un maior cumprimento, comprometéndose o alcalde a estudar a proposta. Segundo indica o rexedor municipal “temos que seguir traballando nesta dirección para mellorar a accesibilidade do noso concello e que mellor que facelo da man dunha entidade como COGAMI”.

Por outra banda, a entidade COGAMI desenvolve traballos de conservación e mantemento en dous dos lugares máis frecuentados polos veciños e veciñas de Ames no seu tempo de lecer, como son o parque do Pazo da Peregrina e o paseo fluvial de Bertamiráns. Neste lugares realizan traballos de xardinería, limpeza e conservación destas áreas verdes. A posibilidade establecida na nova Lei de contratos de acudir á fórmula da contratación socialmente responsable para a licitación deste tipo de servizos, foi exposta por parte do vicepresidente de COGAMI coa posibilidade da reserva de contrato e a súa tramitación. O Concello de Ames estudará esta posibilidade legal recollida na Lei de contratos co obxectivo de poder seguir colaborando coas entidades sociais e unirse así á contratación socialmente responsable.

Servizo de Intermediación Laboral
Por último, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, tamén aproveitou esta cita para presentarlle ao goberno municipal as empresas que forman parte desta confederación de persoas con algún tipo de discapacidade e ver as futuras colaboracións. Na vindeira semana levarase a cabo unha reunión técnica coa Concellaría de Benestar Social de cara a avanzar nas colaboracións futuras e na procura de establecer en Ames un Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) no que COGAMI poida atender directamente aos case 300 veciños e veciñas de Ames que están dados de alta na Confederación e na procura dun asesoramento directo de emprego.

O rexedor municipal explica que “o SIL evitará o correspondente desprazamento dos nosos veciños ata Santiago e mesmo levar a cabo no propio Concello cursos de formación ao emprego. O recoñecemento que recentemente o Concello de Ames recibiu de Acción contra a fame, pola inclusión contra o desemprego, afonda neste mesmo servizo que a partir do SIL poderemos ofertar no propio Concello”.

O alcalde de Ames, José Miñones, trasladoulle ao vicepresidente de COGAMI a intención de seguir colaborando con esta entidade. “Dende o goberno municipal queremos que COGAMI continúe desenvolvendo as súas actividades no noso termo municipal e traballaremos nesa dirección”, apuntou Miñones.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames estudia un acuerdo con Cogami para asesorar sobre accesibilidad"

El Correo Gallego: "Cogami busca asesorar en Ames con un centro propio"

El Correo Gallego: "Empleo a los 61 años: el tesón de Graciela, de Ames, con Cogami"

 

O alcalde de Ames reúnese coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

Multimedia

  • O alcalde de Ames reúnese coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade