Pestanas principais

O alcalde de Ames reúnese co delegado provincial da Xunta de Galicia para abordar diversos asuntos relacionados con Infraestruturas e co Ciclo Integral da Auga

Luns, 11 de xaneiro de 2021

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta mañá unha xuntanza co delegado provincial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor López, na que se abordaron diversos temas relacionados con Infraestruturas (senda dende A Pontenova ata A Ponte Maceira e ampliación de beirarrúas dende Balindo, na parroquia de Piñeiro, ata Portomouro) e que atinxen ao Ciclo Integral da Auga (proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde, proxecto de saneamento en Tapia e Piñeiro, potabilizadora de Lens e extensión de rede de abastecemento ata O Milladoiro).

Esta mañá o alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo delegado provincial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor López, mantiveron unha xuntanza na que tamén participou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos do Concello de Ames, Blas García. O alcalde de Ames agradece a visita e a boa disposición do delegado da Xunta na Coruña, e valora positivamente este tipo de xuntanzas nas que debe de primar a colaboración e o diálogo entre as institucións.

En primeiro lugar, abordáronse diferentes temas relacionados co Ciclo Integral da Auga. Deste xeito, falouse do proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde. Informouse da situación actual da EDAR de Sisalde e da necesidade de ampliación desta infraestrutura, para o cal é necesaria a elaboración dun proxecto. Comentouse co delegado territorial que existe o compromiso de Augas de Galicia, pero que polo momento non se avanzou neste asunto.

Outro dos asuntos abordados foi o proxecto de saneamento en Tapia e Piñeiro. Trátase dun proxecto compartido co concello de A Baña, xa que abarcaría as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, e a de Troitosende, na Baña. Neste senso iniciáronse os traballos de elaboración do proxecto para o saneamento e abastecemento, pero aínda están sen concluír. Dende o Concello de Ames salientan que é urxente rematar este proxecto para coñecer o investimento e tratar o financiamento do mesmo.

Potabilizadora de Lens e extensión de rede de abastecemento a Milladoiro
O Concello de Ames necesita unha ampliación da rede de abastecemento desde o depósito de Castiñeiro do Lobo para poder levar a auga ata O Milladoiro e deixar de comprarlla ao Concello de Santiago. Esta carencia na rede impide urbanísticamente un desenvolvemento óptimo do Milladoiro, polo que é necesaria ampliar esa rede para poder abastecer ao núcleo do Milladoiro. A obra calcúlase que custa máis de 1 millóns de euros e necesítase a redacción do correspondente proxecto e o financiamento do investimento.

Ademais, no referente aos asuntos do Ciclo Integral da Auga informouse sobre o proxecto da Xunta de Galicia de crear un ente público desde o que se xestione o Ciclo Integral da Auga de todos os concellos coa implicación da Xunta, Deputacións e os propios Concellos. Desde o Goberno municipal informóuselle que en Ames estase a traballar na creación dunha empresa pública que xestione este servizo básico, e que contan que entre en funcionamento cando remate o contrato coa empresa Espina y Delfín.

Temas relacionados con Infraestruturas
Por outra banda, abordáronse diversos temas relacionados con Infraestruturas. Un deles foi a senda que vai dende A Pontenova ata A Ponte Maceira. Existe un proxecto e o orzamento necesario, a través dun plan provincial, para a creación dunha senda entre os lugares de A Pontenova e A Ponte Maceira, na parroquia de Agrón. Esta obra estase a demorar polas dificultades que está a poñer Patrimonio, xa que pide cambiala de marxe (agora vai pola marxe dereita dirección A Ponte Maceira) e iso elevaría notablemente os custes da obra, porque se deberían de construír varios noiros.

Outro dos problemas é o cambio de solo da senda, pasando a ser de zahorra compactada, o que se asume por parte do Concello e xa se está a traballar na modificación do proxecto. Solicitouse a colaboración do delegado para tratar con Patrimonio os cambios propostos, e quedouse en enviarlle o proxecto modificado.

Ampliación beirarrúas dende Balindo ata Portomouro
Por último, solicitouse a posibilidade de construír unha beirrarúa ou senda peonil que enlace o lugar de Balindo, na parroquia de Piñeiro, ata Portomouro (Val do Dubra), xa que moitos veciños e veciñas deste lugar a usan para os seus desprazamentos ata o concello veciño.

Dende o Goberno municipal salientan a boa disposición por parte do delegado, que amosou interese polos temas tratados por parte do alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, amosando o seu compromiso de estudar as posibilidades de solucionalos.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "Xunta e Concello dialogan sobre o Ciclo Integral da Auga"

Imaxe da reunión co delegado provincial da Xunta de Galicia