[07-02-2018] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, recibiu na Casa do Concello ao delegado de Defensa en Galicia, Juan Carlos Sancha Orduña, e ao tenente coronel xestor da Área de recrutamento, Arturo Suárez Blanco, para manter unha xuntanza despois de que fose solicitada pola propia delegación de Defensa en Galicia. Esta reunión enmárcase nunha rolda de contactos que está mantendo a delegación de Defensa en Galicia con diversos alcaldes galegos co obxectivo de explorar futuras vías de colaboración e promover un maior achegamento da administración militar a toda a cidadanía para sensibilizar sobre a importancia da cultura da seguridade e defensa.
A delegación de Defensa en Galicia, con sede na Coruña, estende as súas competencias a todo o territorio galego, e dela dependen as catro subdelegacións provinciais. As delegacións de Defensa, constituídas como órganos territoriais no ámbito das Comunidades Autónomas, son os organismos encargados da xestión integrada dos servizos periféricos de carácter administrativo do Ministerio e dos organismos públicos adscritos ao mesmo. Dentro da estrutura da delegación de Defensa en Galicia, a subdelegación de Defensa na Coruña é o órgano que exerce no ámbito territorial desta provincia dito cometido.
A creación desta organización periférica permitiu unha clara diferenciación entre as funcións operativas ou loxísticas, que corresponden aos Exércitos e a Armada, e outras de carácter político-administrativo e de xestión, encomendadas ás delegacións e subdelegacións, sendo, ademais, a canle ordinaria de relación coas autoridades civís. Entre as tarefas deste organismo destacan principalmente a difusión da cultura da seguridade e defensa e mailas actuacións para a achega adicional de recursos humanos e incorporación laboral.
Colaboración entre ambas institucións
Na xuntanza mantida esta mañá en Ames falouse da posible colaboración entre ambas institucións para dar a coñecer as distintas actividades que desenvolve a delegación de Defensa en Galicia como poden ser actos/eventos institucionais (concerto da banda de música, arriado solemne da bandeira, exposicións de material e vehículos, carreira de orientación, demostración da unidade cinolóxica do TERNOR, instalación dunha pista americana infantil, xura de bandeira, exposición MINISDEF, visitas ás instalacións militares, conferencias, concursos literarios, etc.
Asemade, ofrecen charlas sobre o ingreso nas forzas armadas aos mozos/as menores de 29 anos, así como sobre a carreira militar e mailos reservistas voluntarios/as. Tamén ofrecen a posibilidade de facer mesas redondas o Día da Muller para a integración das mulleres nas forzas armadas e ofrecen información sobre a oferta de prazas para ingresar neste corpo como militar de tropa e mariña.
Datos de recrutamento
Por outra banda, falouse dos datos de recrutamento. Dende o ano 2014 ofertáronse 18.000 prazas para ingresar como militar de tropa e mariña. Aos exames de ingreso presentáronse 11.813 aspirantes galegos, e en concreto de Ames, presentáronse 56 persoas a estes procesos selectivos. Tamén compre destacar que dende 2014 ingresaron nas forzas armadas 909 mozos/as galegos/as e 6 persoas de Ames. Asemade, dende 2014 ofertáronse 3.200 prazas de militares de carreira (oficiais e suboficiais). Por último, o persoal da Área de recrutamento impartiu varias charlar nos institutos de Ames (Bertamiráns) e do Milladoiro, así como no Colexio Alca, que estiveron dirixidas ao alumnado e profesorado.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Miñones analiza con el delegado de Defensa vías de colaboración"




