Pestanas principais

O alcalde de Ames requírelle á empresa que realizou as obras na rúa Anxeriz a toma de mostras in situ a fin de analizar e solucionar os desperfectos que se produciron no pavimento

Martes, 05 de marzo de 2013

[05-03-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, requiriulle á empresa que realizou as obras da rúa Anxeriz, no Milladoiro, a toma de mostras in situ co obxectivo de solucionar os desperfectos que se produciron no pavimento. Deste xeito, o venres, 8 de marzo a partir das 9:00 horas, realizaranse os traballos encamiñados a tomar mostras na propia rúa para analizar a resistencia dos materiais empregados nesta obra. O Concello de Ames está levando a cabo as xestións necesarias coa dirección de obra e a empresa adxudicataria das obras de reurbanización da rúa Anxeriz, de cara a determinar e atallar as causas que motivan as deficiencias que presenta actualmente o pavimento.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado do edil de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, e de técnicos municipais, mantivo nas últimas semanas reunións tanto cos directores de obra como cos responsables da empresa adxudicataria da reurbanización da rúa Anxeriz. O obxectivo destes encontros de traballo foi poñer sobre a mesa o estado actual que presenta esta rúa e analizar as posibles solucións ao deterioro do pavimento, que tantas molestias causa a veciños/as da zona.

Nestas reunións, os directores de obra recomendáronlle ao Concello de Ames a necesidade de realizar varias probas para determinar con exactitude a que poden deberse as deficiencias, unhas probas que se realizarán este venres, 8 de marzo, a partir das 9:00 horas. Para levar a cabo esta operación, a empresa adxudicataria aportará os operarios necesarios para o levantamento de lousas, que se fará en tres puntos distintos da rúa. Os traballos serán controlados polos técnicos municipais e por unha empresa de control de calidade.

Estes traballos implicarán a realización de cortes de tráfico na rúa, mentres duren as operacións para a extracción de mostras. O Concello lamenta as posibles molestias que poidan ocasionar estes traballos aos veciños/as desta rúa e aos condutores que circulan por ela.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames revisará el material de la calle Anxeriz para frenar su deterioro"
El Correo Gallego: "O alcalde de Ames requírelle á empresa que realizou as obras na rúa Anxeriz a toma de mostras in situ"