Pestanas principais

O alcalde de Ames, representante da FEGAMP nos Premios á dinamización demográfica da Xunta de Galicia

Martes, 14 de xaneiro de 2020

O alcalde de Ames, José Miñones, formou parte do xurado dos Premios á dinamización demográfica 2019 da Xunta de Galicia. O rexedor local foi elixido representante da FEGAMP nesta comisión avaliadora dos proxectos presentados a este galardón. Os premios á dinamización demográfica 2019 teñen por obxecto a difusión das iniciativas locais que aborden o reto do cambio demográfico mediante a distinción pública de proxectos que plantexen a dinamización demográfica promovidos por concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos consistiron en proxectos, incluso proxectos piloto, que persiguen a implantación de iniciativas e accións específicas que aborden o reto do cambio demográfico no seu ámbito territorial nalgún dos seguintes ámbitos: apoio ás familias; conciliación da vida familiar, laboral e persoal; apoio á mocidade; retorno e atracción de nova poboación; promoción do envellecemento activo e saudable; e a creación do marco necesario para o asentamento da poboación no medio rural.

Puideron optar a estes premios os concellos, de forma individual ou mediante agrupación de concellos, mancomunidades de concellos ou consorcios locais de Galicia, que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2018. Todas as entidades participantes deberon cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2017.

Para o alcalde de Ames, José Miñones, é un orgullo “poder formar parte deste xurado e máis se cadra como representante de todos os Concellos de Galicia, xa que non deixa de ser un recoñecemento ás políticas de conciliación e servizos que estamos ofrecendo en Ames".

Crecemento demográfico en Ames

O Concello de Ames segue a ser un referente en crecemento demográfico en Galicia, contando ademais cunha alta porcentaxe de poboación nova. Dende o ano 2000, o concello de Ames duplicou a súa poboación, pasando de 16.549 habitantes aos 31.793 recollidos no padrón oficial a 1 de xaneiro de 2019 e que xa superaba os 32.000 a mediados de ano. O concello rexistrou en 2018, segundo os datos ofrecidos polo INE o pasado exercicio, 296 nacementos e 154 defuncións.

Esas cifras levaron ao Concello de Ames a ser o número 12 de Galicia en poboación superando ao Concello de Carballo e moi cerca do de Arteixo, que tamén supera os 32.000 habitantes. A aposta polo sector industrial centralizado no Parque empresarial de Milladoiro, xunto cos servizos de conciliación que presta o Concello e que son referentes a nivel Nacional, son algunhas das razóns polas que o Concello está a medrar nestes últimos anos.

Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas. En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres).

Os últimos datos oficiais do INE correspondentes ao 1 de xaneiro de 2019, que foron publicados recentemente, indican que en Ames había censadas 31.793 persoas, polo que o incremento nese período segue a ser importante, destacando o perfil xoven dos novos habitantes do Concello.

Precisamente este crecemento exponencial que se leva dado no Concello é o que leva ao Goberno a solicitar axudas directas para aqueles Concellos que mais medran, así como a non discriminar aos Concellos intermedios nas subvencións ou premios que desde o resto das entidades se poñan en marcha, feito que o propio alcalde quixo deixar de relieve na comisión dos Premios de dinamización.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Miñones, representante da FEGAMP nos Premios á dinamización demográfica da Xunta de Galicia"

Premios á dinamización demográfica da Xunta de Galicia

Multimedia

  • Premios á dinamización demográfica da Xunta de Galicia