Pestanas principais

O alcalde de Ames recibiu a padexeira amiense, Irene Mirás, que vai participar no Europeo e no Mundial júnior

Mércores, 25 de xuño de 2014

[25-06-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, recibiron esta semana a padexeira do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, Irene Mirás, que acaba de ser convocada oficialmente pola Federación Española de Piragüismo para representar a España nas próximas competicións europeas e mundiais na categoría júnior. Irene Mirás representará a España nos próximos campionatos de Europa e do Mundo júnior. A súa boa actuación na pasada Copa de España sobre 500 metros, non pasou desapercibida polo comité técnico. A padexeira amiense tomará parte do k-4 júnior sobre a distancia dos 500 metros.


O Concello de Ames colaborará co Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre para sufragar os gastos que ocasione a participación de Irene Mirás nestes dous campionatos internacionais. A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que “o Concello de Ames non só apoia o deporte feminino de elite, senón que tamén se está fomentando o deporte de base”.

Coa participación de Irene neste europeo e mundial, converterase na terceira padexeira do Ribeiras do Tambre en participar en competicións internacionais. A pioneira foi Ana Varela, que participou no campionato do Mundo júnior no ano 2001 en Brasil, logrando ademais a medalla de prata en k-4 xunto con LLanez Esmidahova, Laura García e Tania Lois. No ano 2005, Manuel Ángel Varela participou na Copa do Mundo júnior de Maratón, disputada na localidade portuguesa de Crestuma, proba na que conseguiu unha prata na proba do C-1.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, organizou esta semana unha recepción, no salón de Plenos da Casa do Concello, aos rapaces e rapazas do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, tiveron a ocasión de falar coa padexeira amiense Irene Mirás, que participará nos campionatos de Europa e do Mundo júnior, que se desenvolverán durante os meses de xuño e xullo deste ano.

No campionato de Europa, que terá lugar entre o 26 e o 29 de xuño na localidade francesa de Mantes, Irene Mirás remará na proba feminina do k-4 500 metros xunto coa zamorana Mirella Vázquez, a balear Gael Fernández e a catalá Laia Pelachs. A localidade húngara de Szeged será o escenario do Mundial, que se disputará entre o 17 e 20 de xullo. Irene tamén participará na proba do k-4 feminino, nesta ocasión compartirá embarcación con Mirella Vázquez e as tamén galegas Camila Aldana Morison e Raquel Da Costa.