[21-02-2013] O Instituto de Ensino Secundario de Ames acolle desde o sábado a un grupo de 6 alumnos/as franceses procedentes do Lycée Saint-Eugène da localidade de Aurillac, na rexión de Auvernia, que esta semana desenvolveron xunto aos seus compañeiros e compañeiras amienses unha intensa estancia de intercambio. Os estudantes, de entre 15 e 17 anos, foron recibidos esta mañá no Salón de Plenos do Concello polo alcalde Santiago Amor e os concelleiros de Cultura, María Eugenia Martín; de Educación, Bernardo Moar, e de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde. Na recepción, participaron tamén a directora do IES de Ames, Marisol Louro; a profesora de francés do IES de Ames, Ángeles García Ruisánchez, e dous profesores de Aurillac, Brigitte Billaud, que xa é a quinta vez que visita Ames, e Nicolás Pascual.
Trátase da cuarta experiencia de intercambio que o IES de Ames realiza con este centro de Aurillac. No encontro cos estudantes, que recibiron material informativo e promocional do Concello de Ames, o alcalde de Ames, Santiago Amor, interesouse polas impresións que os rapaces e rapazas tiveron da súa estancia en Galicia e animounos “a trasladar aos vosos amigos e familiares as impresións que vos levedes de Ames, o concello coa poboación máis nova de Galicia".
Pola súa parte, en representación da delegación francesa, a profesora Brigitte Billaud destacou a boa acollida que tiveron no municipio e no IES e os bos resultados do programa de intercambio entre dúas rexións, Galicia e Auvernia, con moitas similitudes no clima e na paisaxe.
Visitas culturais e estudos
Na súa estancia desta semana, os estudantes franceses estiveron compartindo actividades cos rapaces de Ames. Foron acollidos nas casas dos alumnos amienses, asistiron a clases no instituto de Bertamiráns e coñeceron o concello de Ames. Ademais, realizaron diferentes percorridos turísticos e culturais por Galicia, entre eles a cidade de Santiago de Compostela (con visita aos tellados da Catedral) e unha excursión á comarca de Barbanza, onde visitaron Corrubedo, A Curota ou Catoira.
Na segunda parte deste programa de intercambio, está previsto que 10 alumnos do IES de Ames viaxen a Aurillac o próximo mes de marzo para dar continuidade a esta experiencia de contacto lingüístico e cultural. Ademais da súa estancia na cidade francesa durante oito días, os alumnos/as de Ames estarán catro días en París.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O alcalde de Ames recibe a un grupo de alumnos/as franceses de Aurillac"




