Pestanas principais

O alcalde de Ames recibe o presidente do Centro Galego de Puerto Rico

Venres, 26 de setembro de 2014

[26-09-2014] Chámase José Gómez Vilacoba. Naceu en 1930 na aldea de Pedrouzos e foi a escola de Cruxeiras. Con 19 anos o chamaron a quintas e lle comunicaron que o seu destino era África. Foi seu pai quen se negou a que iso sucedera e enviouno a Cuba. En só sete anos xa fixera fortuna como bodegueiro en La Habana e volvía a Ames por primeira vez desde que marchara “cun gran coche e como un señor”. Logo chegou Fidel e tivo que empezar de novo. Primeiro Miami, logo Puerto Rico, onde se afincou definitivamente e fundou o Centro Galego, que máis de corenta anos despois segue presidindo. Na súa habitual estadía de verán na terra dos seus devanceiros, este ano visitou o Concello de Ames e, acompañado do alcalde, falou na Radio Municipal onde contou a súa historia aos que nunca deixou de sentir os seus veciños e as súas veciñas.

José ten dous netos en Boston e unha neta en Filadelfia. Marcharon a EEUU con toda a riqueza de coñecer tres idiomas: o inglés, o castelán e o galego que lles ensinou o avó a través das cancións que nunca deixou de cantar. “Aínda hoxe cando os vou buscar ao aeroporto non lles deixo entrar no coche se non me din avó de España, querémoste moito”, conta José e enseguida o escoitamos cantaruxando a Saia da Carolina, os Catro Vellos Mariñeiros ou a Rianxeira. “É unha pena -di José- pero cando os rapaces medran, case todos marchan para EEUU e aí comezan a esquecer” Porque unha das teimas de José unha vez que a vida xa se lle foi asentando era que os fillos e os netos conservaran a cultura e os costumes galegos.

Por iso, aló polo ano 1974, cando á cadea de Supermercados que creara e que aínda rexenta en Puerto Rico lle deixou tempo, José con outros galegos, moitos deles que coma el estiveran primeiro en Cuba, fundou o Centro Galego de Puerto Rico que na actualidade aínda preside. “Mercamos un terreo e comezamos a facer paellas para dous mil persoas que nos reuníamos a comer, a cantar e a recordar”, lembra Manuel quen tamén conta como este Centro, que na actualidade reúne a máis de 1.200 familias de orixe galego en Puerto Rico, serviu para que os descendentes dos que tiveron que marchar coñeceran a cultura e as tradicións de Galicia: “Ata os doce anos os rapaces e as rapazas aprendían a tocar instrumentos, a cantar, a bailar, a coñecer o noso folklore, os nosos costumes e todo de xeito gratuíto. Ademais estableceramos relación con algún banco de orixe galega e levábamos grupos de rapaces que convivían con nós e que lles mostraban aos nosos fillos e aos nosos netos o que se facía en Galicia”.

Desde que está en Puerto Rico, José ven a “pasear” a Galicia case todos os veráns. A estadía sérvelle tamén para descansar “Nunca durmín moito, sempre fun dos que abría o negocio as seis da mañá e o pechaba ás 12, se acaso media horiña polo xantar”. Este ano, e na compañía do veciño de Ames Ildefonso de la Campa da Secretaría Xeral de Emigración, achegouse ata o Concello e comentou cos responsables municipais os cambios producidos nos case 65 anos que transcorreron desde a súa partida: aínda lembro que no 57 tiven que vir buscar unha partida de nacemento e a oficina onde mo deron estaba nunha casiña de pedra máis pequena toda ela que este lugar”, comenta José, referíndose ao estudo da Radio Municipal onde, en compañía do alcalde, Santiago Amor, recordou a súa marcha para librar da mili en África, e a primeira vez que volveu a Ames con pasaporte cubano porque senón tería que terse incorporado a filas. E falou de canto lle gustaba Cuba “o mellor país do mundo naquela época” e de como tivo que entregar os dólares que lle quedaban no 63 ao réxime castrista porque senón o condenaban a 21 anos de cárcere. E tivo palabras de agradecemento para aquel paisano da Ameixenda, o señor Miramontes que lle axudou a saír adiante co primeiro negocio que fixo en Puerto Rico.

A visita de José Gómez Vilacoba ao Concello de Ames axuda a escribir un capítulo máis da historia do municipio, tal e como destacaba o alcalde Santiago Amor “coñecer historias como a de José contribúen a poñer en valor a propia historia do noso concello”.