Pestanas principais

O alcalde de Ames recibe na Casa do Concello a 76 alumnos de terceiro de Educación Primaria do CEIP A Maía

Venres, 27 de marzo de 2015

[27-03-2015] Un total de 76 alumnos de terceiro de Educación Primaria do CEIP da Maía visitaron esta mañá a Casa do Concello de Ames. Acompañados do alcalde, Santiago Amor, a concelleira de Xuventude, Ana Ruso, o edil de Obras, Alfredo Taboada, e o novo concelleiro do grupo de goberno, Ramón Senra, percorreron as dependencias municipais e mesmo puideron sentarse nas cadeiras que ocupan o rexedor e os edís durante no salón de plenos.

Nas últimas semanas os escolares están tratando nas aulas o funcionamento das entidades locais e o sistema de elección dos gobernos. A visita de hoxe, que coincide co comezo das vacacións de Semana Santa, tiña por obxecto reforzar estes coñecementos, de maneira máis práctica e dinámica.    

O alcalde explicoulles que a Casa do Concello é a casa de todos os amesás e faloulles do traballo diario que desenvolve a administración local. “Para nós é moi importante que Ames, que é o Concello máis xove de Galicia e un dos que máis medra, conte con rapaces e rapazas formados porque vós sodes o futuro deste concello”, sinalou Santiago Amor. Deste xeito, animounos a seguir estudando para ampliar os seus coñecementos de cara ao futuro.

Unha das alumnas que participou na visita entregoulle ao alcalde unha lista con varias peticións feitas por ela mesma e polos seus compañeiros. Entre estas peticións figuraba a construción dun carril bici e a construción dunha pista de patinaxe. Tamén lle solicitaron que os parques infantís se adapten para que poidan ser usados por nenos con algún tipo de discapacidade. Antes de rematar a visita os rapaces e rapazas fixeron unha foto de grupo coas autoridades municipais diante da Casa do Concello e puideron subir nos coches da Policía Local de Ames.