Pestanas principais

O alcalde de Ames presentou o proxecto de árbores bombeiras nun encontro con rexedores portugueses celebrado na sede da Fegamp

Mércores, 21 de marzo de 2018

[21-03-2018] O pasado martes, 13 de marzo, a sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en Santiago acolleu un encontro entre unha trintena de alcaldesas e alcaldes portugueses e varios rexedores galegos, entre os que se atopaban o alcalde de Ames, José Miñones. O obxectivo da xuntanza foi informar ás presidentas e presidentes das cámaras municipais do país veciño acerca das tarefas e proxectos de prevención de incendios, emerxencias e recuperación de terreos que se están a levar a cabo en Galicia.

A razón da visita das alcaldesas e alcaldes portugueses está relacionada coa grave vaga de incendios forestais ocorrida no 2017 en Portugal, os cales destruíron preto de 122.000 hectáreas e causaron a morte de numerosas persoas. Deste xeito, a visita realizouse coa finalidade de levar a cabo un intercambio de experiencias e de adquirir unha nova metodoloxía de preparación e intervención fronte ao lume.

O encontro, que se celebrou o pasado 13 de marzo, foi inaugurado polo alcalde de Cervo e vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares. Tras unhas palabras de benvida, a primeira intervención tivo lugar da man do alcalde de Brión, José Luís García, quen abordou o traballo do GES, da agrupación de Protección Civil e da pertenza do Concello ao Grupo de Traballo polas Emerxencias. A segunda das quendas de palabra correspondeu ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, quen falou da Lei de Montes e da tala de árbores nas franxas de protección.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o terceiro dos rexedores galegos en participar, falando, entre outras cousas, do proxecto pioneiro de árbores bombeiras. As últimas intervencións foron as do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e as do alcalde de Cervo, Alfonso Villares. O primeiro deles conversou acerca das labores de recuperación tras os incendios, como o mulching. O segundo abordou a experiencia do seu concello ao contar con GES e cunha agrupación de Protección Civil.

Os rexedores portugueses que viñeron a Galicia forman parte da Comunidade Intermunicipal da Rexión de Coímbra (CIM-RC), que aglutina os municipios de Arganil, Cantanhede, Coímbra, Condeixa-a-Nova, Figueira da Foz, Góis, Lousã, Mealhada, Mira, Miranda do Corvo, Montemor-o- Vello, Mortágua, Oliveira do Hospital, Pampilhosa da Serra, Penacova, Penela, Soure, Tábua e Vila Nova de Poiares.

O Plan de Prevención de Incendios Forestais de Ames
O Plan municipal de prevención de incendios forestais inclúe, como un dos seus eixos centrais, a plantación de árbores frondosas caducifolias (castiñeiros, baleiras, cerdeiras, carballos, noceiras, freixos e bidueiros) na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, que son as que se atopan a 50 metros de distancia desde os límites dos núcleos urbanos ou desde as vivendas unifamiliares, gasolineiras, talleres...

A experiencia piloto deste plan municipal foi posta en marcha polo Concello de Ames no ano 2016, dándolle continuidade durante a anualidade 2017-2018. Os traballos realizados durante o desenvolvemento destas dúas primeiras fases estiveron centrados na parroquia de Piñeiro (ámbitos 18 e 27). Ademais, esta segunda fase tamén englobou a plantación de árbores nun dos dous ámbitos forestais nos que se divide Aldea Nova (ámbito 4B).

A implementación da segunda fase supuxo a plantación dunhas 2.000 árbores frondosas nunhas 67 fincas, o que supón unha extensión aproximada de 8 hectáreas. A terceira fase, que decorrerá na anualidade 2018-2019, incluirá o remate dos traballos en Aldea Nova, polo que desde o Concello xa estableceu contactos coas persoas propietarias das parcelas situadas neste ámbito e algunhas das fincas xa quedaron preparadas para realizar as plantacións.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames presenta en la Fegamp su plan contra los incendios"
Compostela 24 horas: "El alcalde de Ames presentó el proyecto de árbores bombeiras en un encuentro con regidores portugueses celebrado en la sede de Fegamp"