- Tematica
A promoción de 2024 do proxecto Estalmat- Galicia de estímulo do talento matemático pechou o curso o pasado sábado, 16 de maio, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Asistiron as 8 alumnas e os 19 alumnos de Estalmat-Galicia, que conformaron a décimo sétima promoción, da que tamén formou parte un estudante que cursou o primeiro ano en Estalmat-Murcia. Entre o alumnado hai un mozo de Ames. O Concello de Ames participou neste programa como patrocinador cunha achega económica.
O acto comezou ás 11.00 horas co relatorio A profesión de Matemáticas onte e hoxe, impartido por M. Elena Vázquez Cendón, e dirixido a docentes, alumnado e familiares da promoción de 2024.
A continuación, ás 12.30 horas, realizouse o acto oficial de entrega de diplomas que estivo presidido pola reitora da USC e docente do programa, Rosa M. Crujeiras Casais, e ao que asistiron a secretaria da Facultade de Matemáticas, María José Ginzo Villamayor; a presidenta do programa, Elena Vázquez Cendón; e o alcalde de Ames, Blas García.
Tamén participaron, en representación do equipo docente, a profesora do IES Antón Fraguas, Trinidad Pérez López; as representantes das familias, Ana Amparo Fernández e Mario Gallo; e do alumnado, Noa Garabato Pardo e Raúl Cousillas Roget.
Este proxecto, nado en 1999, conta coa colaboración de distintas entidades educativas e culturais, ás que en 2024 se sumou o Concello de Ames en calidade de patrocinador do programa.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “investir en educación é investir en futuro. O Concello de Ames ten un compromiso con Estalmat e seguiremos colaborando en vindeiras edicións coa Facultade de Matemáticas e coa USC”.
Estes 26 estalmateiros e estalmateiras están agora convidados a participar no programa ESTALMAT-PI, que supón un terceiro curso, e que actualmente mantén aberta a convocatoria.
Estalmat-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; da Axencia Galega de Innovación; das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e do Concello de Ames. Entre os colaboradores que achegan material destaca Casio Educación.
Desde o ano 2024 Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, no que xa participaron as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Inteligencia Artificial para España e Portugal, con sede en Santiago e o Centro de Investigación Mestrelab.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "O alcalde de Ames participa no acto de clausura do curso 2025-2026 do proxecto Estalmat-Galicia"













