[20-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, xunto a outros alcaldes e concelleiros/as, visitou este mércores 18 e o xoves 19 de novembro o Parlamento Europeo para participar nuns encontros sobre a política de cohesión coa DG Rexio e sobre o Fondo Social Europeo e a Iniciativa Xuvenil de Emprego coa DG Emprego. Ademais, visitou o Comité de Rexións e a Fundación Galicia Europa, onde recibiu información sobre distintas vías de financiamento europeas para o desenvolvemento local. Esta visita foi posible grazas a unha invitación feita polo parlamentario José Blanco.
O alcalde de Ames, José Miñones, a súa volta valorou moi positivamente a visita xa que permitiulle establecer os contactos necesarios para solucionar as dúbidas do proceso de redacción de proxectos. Miñones afirma que “Ames vai a presentar un proxecto antes do 31 de decembro para unha das liñas de financiamento europea dentro da convocatoria FEDER, e esta visita permitiu que coñezamos novos sistemas de financiamento como é o das axudas ao desemprego xuvenil ou o de acción social”.
Unha delegación composta por unha vintena de alcaldes e concelleiros visitou esta semana Bruxelas para coñecer de primeira man as liñas de financiamento europeas dispoñibles para impulsar o desenvolvemento local. Trátase dunha delegación convidada polo eurodeputado socialista José Blanco, que considera de máximo interese para as novas corporacións locais tomar contacto coas institucións europeas para coñecer aqueles programas de financiamento dispoñibles para o desenvolvemento local.
Este primeiro grupo, que visitou a capital europea este mércores e xoves, estivo composto polos alcaldes de Ames, Ares, Silleda, Paderne, Ponte Caldelas, A Guarda, Sarria, Fisterra, Corcubión, Muxía, e Camariñas e tenentes de alcalde ou concelleiros/as de Sarria, Carnota, Vimianzo, Cee, Ferrol, Culleredo e Laxe.
Información sobre as vías de financiamento europeo
Os participantes nestas xornadas recibiron información sobre a política de cohesión a cargo de persoal da DG Rexio, así como sobre o Fondo Social Europeo e a Iniciativa Xuvenil de Emprego por parte da DG EMPL. Ademais, trataron sobre as vías de financiamento europeo dispoñibles para proxectos locais na Fundación Galicia Europa e mantiveron contactos co Comité das Rexións.
Desta forma, os participantes nestas xornadas puideron informarse sobre os fondos dispoñibles na Unión Europea nun amplo abanico de materias, desde urbanismo a eficiencia enerxética, xestión de residuos, medio ambiente ou formación e capacitación para o emprego.
Esta iniciativa terá continuidade o próximo mes de xaneiro, cando un novo colectivo de alcaldes e concelleiros de Galicia visitarán as institucións comunitarias para recibir información sobre estas materias.





