[28-07-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza cun representante da empresa Norprevención SL, que ten adxudicado o servizo municipal de prevención de riscos laborais. Neste encontro abordáronse varias medidas que teñen que adoptar tanto a devandita empresa como o Concello de Ames para cumprir os requirimentos efectuados pola inspección de traballo que se realizou a comezos do mes de xuño deste ano.
Cómpre lembrar que o pasado 2 de xuño realizouse unha inspección nas instalacións de varios departamentos do Concello de Ames. A inspectora visitou varios locais de traballo do Concello acompañado dun dos delegados do Comité de Seguridade e Saúde do Concello, tomándolle declaración aos traballadores presentes nos diferentes centros, co obxectivo de efectuar comprobacións sobre as condicións de traballo existentes. Algún dos lugares visitados foron a zona de taller e a zona de carpintería e soldadura da nave de obras, así como o centro de traballo dos informáticos municipais.
Trala visita a inspectora elaborou un informe e fixo unha citación para que o Concello e os delegados do Comité de Seguridade e Saúde comparecesen nas oficinas de Inspección, que están situadas na Coruña, coa recomendación da presencia dalgún representante con poder de decisión. A esta visita acudiu o recente Alcalde de Ames, José Miñones, xunto cos representantes do Comité de Seguridade e Saúde do Concello e o responsable da empresa Norprevención S. L. Nesta citación, que se produciu a comezos do mes de xullo, solicitóuselle ao Concello de Ames que levase a cabo unha serie de medidas en materia de prevención. Agora é o propio Concello o que lle ten que remitir a Inspección a documentación onde se se detallen as solucións e medidas correctoras adoptadas antes da primeira semana de agosto.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “esta semana enviáselle á Inspección a documentación que solicitou co obxectivo de arranxar as deficiencias que se veñen arrastrando nos últimos anos e que se atoparon en centros municipais de traballo”. Miñones tamén destacou que “a reunión co empresa adxudicataria do servizo de prevención resultou positiva xa que se abordaron varios temas para intentar poñer ao día os centros municipais de traballo en materia de seguridade e prevención de riscos laborais ademais de programar os traballos a realizar nos vindeiros meses. Aínda hai moito que facer nesta materia porque durante os últimos anos non se avanzou nada, pero vamos a traballar para solucionar estes problemas”.
Temas tratados na xuntanza
Deste xeito, nesta xuntanza tratáronse varios destes temas como as razóns de por qué non se lle aplica ao persoal o protocolo de dermatitis (enviaráselle a Inspección un informe elaborado pola empresa Norprevención); a xustificación da adquisición dunha pértega para o servizo de informática para poder abrir as fiestras que se atopan a unha altura elevada e o informe da medición de radiantes realizada polo presencia dos servidores no local de traballo dos informáticos, que deu un resultado moi por baixo dos límites.
Tamén se falou da acreditación para a retirada de varios produtos químicos da nave de obras que se estivo facendo dende a chegada do novo Goberno, levando a cabo unha axeitada clasificación, envasado e almacenamento dos produtos, xunto coa retirada daqueles que non se viñan usando. Outro dos temas nos que o Concello se puxo ao día foi na acreditación dos cursos formativos, que se lle impartiron a dous membros da brigada de obras para obter o certificado de operador de plataformas elevadoras móbiles de persoal. Ademais, abordáronse outros temas e medidas correctoras que terán que adoptarse dentro do primeiro trimestre de 2016 e que se achegará mediante documento no que se recolla a planificación de 2016.





