Pestanas principais

O alcalde de Ames mantén unha xuntanza coa conselleira de Emprego para avaliar as liñas de axudas da Xunta para impulsar a formación para o emprego

Mércores, 18 de novembro de 2020

O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo esta tarde unha xuntanza por videoconferencia coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na que avaliaron os programas do departamento autonómico dirixidos a impulsar a formación para o emprego. En dita xuntanza tamén participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o Axente de Desenvolvemento Local de Ames, Juan Carlos Carreja.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor a importancia de ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial. Así, indicou que nesta liña a Xunta ten en marcha programas como os obradoiros e os programas integrados de emprego, así como as unidades formativas na empresa.

Precisamente, o Concello de Ames vén de resultar beneficiario dun obradoiro e dun programa integrado de emprego, dúas iniciativas que ofrecen formación ás persoas desempregadas. Así, a Xunta concedeu ao Concello de Ames unha axuda de 346.946 euros para a posta en marcha dun obradoiro dual de emprego sobre o Camiño de Santiago, no que participarán 20 alumnos e alumnas. Doutro lado, Ames tamén resultou beneficiario dun Programa Integrado de Emprego (PIE) específico para mulleres con 100 prazas. A axuda do Goberno galego ascendeu neste caso a preto de 215.000 euros.

Lorenzana, ademais, resaltou na reunión a importancia da colaboración entre administracións para impulsar entre todos o emprego local. Neste senso, agardou seguir estreitando a colaboración co Concello de Ames como ata o de agora. En 2019, esta Administración local recibiu o apoio da Consellería de Emprego e Igualdade a través de diferentes liñas de axudas que sumaron máis de 700.000 euros.

Programa integrado de emprego de Ames e Brión
O alcalde de Ames, Jose Miñones, destacou que os concellos de Ames e de Brión van poñer en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego, que está dirixido a 100 mulleres desempregadas, a formación orientarase ao traballo nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería e manexo de maquinaria. O programa comezará a desenvolverse nas vindeiras semanas e rematará en novembro do 2021. Ademais, as participantes recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional e emprendemento. Tamén contarán con titorías persoais que as acompañarán á hora de buscar emprego.

Para poder participar, as interesadas deben ter a súa residencia nos concellos de Ames ou Brión e estar inscritas como desempregadas na oficina de emprego. Para participar ou solicitar máis información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa hai que cubrir este formulario. A partir de aí, os axentes de promoción económica dos concellos de Ames e Brión, poranse en contacto coas interesadas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz destaca “a importancia desta formación que ten como obxectivo mellorar as posibilidades de acceso ao emprego a través da formación dos participantes”. Engade a concelleira que “o obxectivo desta nova edición é a mellora da empregabilidade e a cualificación laboral das participantes, nunha situación coma actual de especial dificultade e que afecta en maior medida a colectivos vulnerables, integrados fundamentalmente por mulleres”.

Obradoiros duais e programas integrados de emprego
A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas dos obradoiros duais e dos programas integrados de emprego que permitirán a celebración dun total de 96 iniciativas para incrementar a formación e as oportunidades laborais de 4.628 persoas desempregadas da Comunidade cun investimento de 29,5 millóns de euros.

En concreto, desenvolveranse 62 obradoiros duais de emprego -cun investimento total de 21,3 millóns de euros, un 11% máis que a convocatoria anterior- e 34 programas integrados -dotados con 8,2 millóns de euros- que incrementarán as oportunidades laborais das galegas e galegos.

Desde o Concello de Ames trasladóuselle á conselleira de Emprego o obxectivo de acadar un convenio de colaboración entre ambas administracións co obxectivo de poñer en marcha un novo programa de formación e emprego innovador e centrado nas enerxías renovables e que estea situado na UAF (Unidade de acción formativa) de Ames, cuxo centro se atopa ao carón da Casa Consistorial, en Bertamiráns.

O alcalde, Jose Miñones, agradécelle á conselleira “a súa receptividade e boa acollida aos proxectos presentados e que esperamos dean os seus froitos moi pronto, xa que ambos coincidimos na necesidade da colaboración institucional en materia de emprego, tal e como estamos a facer ao longo destes anos”.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "O alcalde de Ames reúnese coa Conselleira de Emprego"

Imaxe da xuntanza mantida coa conselleira de Emprego