Pestanas principais

O alcalde de Ames mantén unha xuntanza coa conselleira de Emprego e Igualdade para tratar sobre políticas activas de emprego

Venres, 07 de maio de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, mantivo onte unha xuntanza coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e coa Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca Carús, e na que avaliaron os bos resultados dos obradoiros duais de emprego e programas integrados de emprego que están desenvolvendo os Concellos de Ames e Brión, en colaboración coa Consellería. Ademais, o rexedor de Ames propúxolle a posible sinatura dun convenio de colaboración para a posta en marcha, de xeito compartido, dun espazo de formación e para facer demostracións sobre o uso de enerxías alternativas e renovables. En dita xuntanza tamén participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames.

O motivo de dito encontro foi manter un primeiro contacto despois da toma de posesión de Blas García como alcalde de Ames. Nesta xuntanza falouse das políticas activas de emprego que está desenvolvendo a Xunta de Galicia e dos obradoiros duais e programas integrados de emprego que están impartindo os Concello de Ames e Brión, en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade.

Un dos temas que lle plantexou o alcalde a conselleira foi a posible sinatura dun convenio de colaboración para a posta en marcha, de xeito compartido, dun espazo de formación e para facer demostracións sobre o uso de enerxías alternativas e renovables. O obxectivo é adecuar un espazo existente no concello de Ames para darlle dito uso. Dende a Consellería quedaron en analizar dita proposta que valoraron de xeito positivo.

Por outra banda, avaliáronse os bos resultados dos obradoiros duais de emprego e programas integrados de emprego que están desenvolvendo os Concellos de Ames e Brión, en colaboración coa Consellería.

Programas integrados de emprego
Na actualidade, estase desenvolvendo o programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión. Neste programa participan 100 mulleres desempregadas, dos concellos de Ames e Brión. Este é a décimo terceira edición de dito programa integrado que tivo moi bos resultados de inserción en todas as súas edicións.

Cómpre destacar tamén que na edición 2019-2020 do programa integrado de Emprego de Ames e Brión, que estivo dirixido a 100 persoas desempregadas (85 foron menores de 30 anos e 15 maiores de 45), conseguiuse que 56 persoas tiveron, polo menos, un contrato laboral, o que supera amplamente o obxectivo de inserción inicialmente fixado. Realizáronse un total de 23 accións formativas presenciais e levaron a cabo prácticas non laborais 56 persoas participantes, asinando os correspondentes convenios de colaboración con empresas da comarca dos diferentes sectores relacionados coa formación impartida.

Obradoiros duais de emprego
Ademais, os Concellos de Ames e Brión están impartindo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Este obradoiro comezou o pasado 28 de decembro de 2020 e realizarase ata o 27 de setembro de 2021. Durante 9 meses os traballadores/as están recibindo formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración. Este obradoiro tamén está sufragado pola Consellería de Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión.

O alumnado deste obradoiro xa realizou traballos de limpeza, desbroce, plantación de fincas municipais, acondicionamento de pistas forestais e revisión e acondicionamento do viveiro de Barouta. Tamén se están realizando traballos de cubicación de madeira e preparación de xestión de ámbitos de protección contra incendios forestais de núcleos no concello de Brión.

Cómpre destacar tamén a demanda de empresas do sector fotovoltaico de profesionais formados no anterior obradoiro dual RenovAmes-Brión III, para cubrir as necesidades de persoal cualificado neste sector emerxente e xerador de emprego cualificado. Neste obradoiro participaron 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión) e un equipo de 5 persoas encargouse da formación e xestión do proxecto. Nesta ocasión, a formación centrouse no sector da enerxía fotovoltaica. As prácticas dirixíronse cara á instalación e mantemento de equipamentos solares fotovoltaicos en edificios municipais de Ames e de Brión.

Obradoiro sobre enerxías renovables
Por último, falouse da solicitude dunha axuda que ten tramitada o Concello de Ames para impartir outro obradoiro dual de emprego, pero nesta ocasión para formar aos/ás alumnos/as traballadores/as en enerxías renovables. O obxectivo é aplicar a utilización de ditas enerxías renovables para o funcionamento das EDAR e ETAP de Ames. Dita axuda está en fase de tramitación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Apuesta maiana por la energía verde con un obradoiro para aplicarla y local de divulgación"

Imaxe da reunión coa conselleira de Emprego e Igualdade

Multimedia

  • Imaxe da reunión coa conselleira de Emprego e Igualdade