[15-06-2015] Esta mañá unha das primeiras actuacións que realizou o novo alcalde de Ames, José Miñones, foi enviar tres cartas á Xunta de Galicia, á Consellería de Educación e a Consellería de Sanidade para solicitar de forma urxente unha xuntanza co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e cos conselleiros Román Rodríguez e Rocío Mosquera, para tratar temas municipais de gran importancia para o concello de Ames. Deste xeito, dáselle cumprimento a un dos 21 puntos que recolle o documento asinado o pasado 10 de xuño por parte das forzas políticas de esquerdas que obtiveron representación na corporación municipal de Ames (PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG).
O novo alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “agarda poder reunirse nas vindeiras semanas co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e coa Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para tratar varios temas de índole municipal que requiren dunha solución urxente”.
Deste xeito, co presidente da Xunta vaise abordar que os orzamento autonómicos de 2015 non contemplan ningunha partida orzamentaria destinada para este Concello. Segundo Miñones “non se entende que un Concello dos máis grandes da Comunidade Autónoma e cun crecemento exponencial nos últimos anos e con grandes carencias dotacionais non teña contemplado ningunha achega económica nos orzamentos autonómicos do exercicio 2015”.
O Concello súmase á campaña IES Milladoiro-Dotación Xa!!
Por outra banda, tamén se solicitou unha reunión co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, co obxectivo de tratar tres temas de gran importancia como son as deficiencias dotacionais que ten o IES Milladoiro; os problemas de seguridade viaria que existen no IES Plurilingüe de Ames e no CEIP da Maía, situados en Bertamiráns; e as deficiencias existentes en varios centros educativos de Ames. En relación a falta de medios no instituto do Milladoiro, o novo alcalde, apunta que “como non pode ser doutro xeito, o Concello de Ames sumouse á campaña IES Milladoiro-Dotación Xa!!, que iniciou a comunidade educativa do Milladoiro”.
Por último, José Miñones, envioulle unha terceira carta á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para abordar dous temas de vital importancia para a veciñanza amesá como son a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro e a reparación urxente das deficiencias que presenta o centro de saúde de Bertamiráns.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El nuevo alcalde de Ames envía cartas a Feijoo, Educación y Sanidade para pedir reuniones"
La Voz de Galicia: "Pedir a la Xunta la dotación del IES de Milladoiro, primera iniciativa de José Miñones"




