Pestanas principais

O alcalde de Ames, José Miñones, reuniuse coa comisión de festas da Peregrina de Bertamiráns

Mércores, 08 de xullo de 2015

[08-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu esta semana na Casa do Concello aos membros da comisión de festas da Virxe da Peregrina. Nesta xuntanza o rexedor municipal e o presidente da comisión de festas, Andrés Núñez, abordaron diversos aspectos a ter en conta de cara a organización das festas patronais de Bertamiráns, que se celebrarán o sábado 8 e o domingo 9 de agosto.

Esta xuntanza, á que acudiu o presidente da comisión de festas, Andrés Núñez, e dous membros máis da devandita comisión, serviu para presentarlle ao goberno municipal a directiva da comisión de festas da Peregrina e informarlle ao alcalde do programa de actividades que se van desenvolver o sábado 8 e o domingo 9 de agosto.

Por outra banda, dende a comisión de festas pediron a colaboración do goberno, tanto á hora de organizar actividades, como para a súa difusión e para o acondicionamento e preparación dos espazos municipais que están ao carón do campo da festa.

O rexedor municipal indicou que “a comisión de festas da Peregrina pode contar co apoio deste goberno para celebrar estas festas porque é unha festividade tradicional e emblemática de Ames. A súa celebración é moi importante para o noso concello porque consigue que moitas persoas se acheguen a Bertamiráns, e iso sempre é positivo para a economía amesá”.