Pestanas principais

O alcalde de Ames, José Miñones, participa na entrega de premios do IV concurso de relatos breves organizado pola cooperativa Feiraco

Mércores, 22 de xullo de 2015

[22-07-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, asistiu ao acto de entrega de premios da IV edición do concurso “Relatos breves Letras Galegas 2015”, un certame de microrrelatos en galego a través do Facebook. Esta iniciativa estivo organizada pola cooperativa Feiraco en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Este acto estivo presidido polo presidente de Feiraco, José Monte, e polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña conmemorativa das Letras Galegas 2015 posta en marcha pola cooperativa leiteira, a raíz da cal tamén se elaborou un envase especial, ilustrado cunha caricatura do autor homenaxeado este ano, Xosé Filgueira Valverde.

Neste acto, o alcalde de Ames, José Miñones, agradeceu a invitación á entrega de premios e felicitou aos ganadores e ganadoras deste concurso no que participaron máis de 100 persoas. O rexedor municipal destacou “a importancia que ten a cooperativa Feiraco para o Concello de Ames xa que xera máis de 200 postos de traballo directos”. Ademais, explicou que “dende o goberno municipal queremos manter proximamente unha xuntanza con esta cooperativa leiteira para trasladarlles varias liñas de traballo enfocadas a iniciar novos proxectos de forma conxunta”.

De seguido, realizouse unha visita polas instalacións de Feiraco. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, valorou o compromiso e a “aposta decidida” da cooperativa coa lingua galega, presente nas diferentes accións de responsabilidade social desenvoltas ao longo dos seus 45 anos de historia.

Neste senso, este certame de relatos breves “contribúe en gran medida” -en palabras do conselleiro- á dinamización da lingua galega, “incentiva a escrita e a literatura, e promove o achegamento ás novas tecnoloxías”, posto que se trata dun concurso onde o público participa a través do Facebook.

Máis de 100 relatos presentados
Desta volta, foron catro os relatos galardoados, escollidos de entre os 103 que se presentaron nesta edición. Os premiados foron Roberto Roget Antelo, de Vimianzo; Virtu Castro Villar, da Coruña; Alba Sánchez Ares, de Ames; e Arantza Portabales, de Teo. O primeiro clasificado recibiu a Enciclopedia Galega Universal, mentres que os outros tres foron agasallados cun lote especial Letras Galegas de Feiraco, composto por produtos alimentarios e culturais.

Para poder participar no certame era preciso ser maior de 18 anos, presentar un texto orixinal e inédito de, como máximo, 500 caracteres que puxese en valor a lingua galega.

Diversas campañas no ámbito cultural e educativo
Feiraco constitúe desde a súa fundación un exemplo de compromiso empresarial, tanto nos seus valores e métodos de traballo dirixidos á vertebración do tecido social e do desenvolvemento económico, como noutras actividades con proxección social que a cooperativa leiteira leva posto en marcha ao longo a da súa historia.

Exemplos da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional son as campañas incrementadas coincidindo coa celebración de efemérides anuais como poden ser as Letras Galegas, o Entroido ou as postas en marcha en colaboración co ámbito educativo para achegarlles a realidade dos procesos produtivos a escolares de toda Galicia, no marco das súas accións de responsabilidade social.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Rodríguez destaca o compromiso e a aposta de Feiraco coa lingua galega"
La Voz de Galicia: "El conselleiro de Cultura cierra los actos de las Letras Galegas de Feiraco"