Pestanas principais

O alcalde de Ames, Jose Miñones, foi nomeado vicepresidente da Red Española de Ciudades Saludables

Sábado, 15 de febreiro de 2020

O Concello de Ames estará representado no novo Consello de Goberno da RECS (Red Española de Ciudades Saludables) por medio do seu alcalde, Jose Miñones, que foi nomeado vicepresidente segundo de dita Rede. A Xunta de Goberno da FEMP, na reunión do pasado 17 de decembro, aprobou o nomeamento do presidente e dos vicepresidentes das Comisións de Traballo e Redes para o mandato 2019-2023. A presidencia estará a cargo de Daniel de la Rosa Villahoz, alcalde de Burgos, mentres que o posto de vicepresidente primeiro está ocupado por Luís Partida Brunete, alcalde de Villanueva de la Cañada.

A Rede de Cidades Saudables está composta por 238 municipios e 2 Deputacións, dos cales 19 son concellos galegos, entre os que se atopa Ames. Esta Rede ten como obxectivos dirixir a súa actividade á promoción e protección da saúde e ao benestar dos cidadáns; asegurar a intercomunicación das cidades participantes en materia de promoción e protección da saúde, que permita o intercambio de experiencias e o desenvolvemento de proxectos entre cidades, con outros niveis da Administración e con outras organizacións, para promover a acción común na promoción e protección da saúde.

Tamén se pretende asegurar o mantemento dos contactos interinstitucionais para a consolidación das relacións intersectoriais, necesarias no ámbito da promoción e protección da saúde; fomentar a colaboración e a acción conxunta das cidades participantes en materia de promoción e protección da saúde; axudar ás cidades participantes a desenvolver modelos operativos de promoción e protección da saúde na comunidade, que poidan servir como modelos de boa praxe no concernente á promoción e protección da saúde no contexto urbano, en concreto: o diagnóstico e os plans de saúde.

Outros obxectivos son establecer criterios de avaliación e indicadores unificados que permitan avaliar as actuacións da promoción e protección da saúde e a acreditación da calidade da súa execución; establecer recomendacións orientadas á inclusión dos procesos de calidade nas actuacións de promoción e protección da saúde; manter contactos con outros proxectos de cidades saudables no noso país, noutros países e coas redes nacionais, así como coa Rede Europea, e difundir a información relevante sobre a Rede Española de Cidades Saudables, as Redes Autonómicas e a Rede Europea.

Para o alcalde de Ames, Jose Miñones, esta designación “é un recoñecemento para o Concello e pola aposta que estamos a levar a cabo no ámbito da promoción da saúde”. Ames ten en marcha programas que fomentan a actividade física e a redución do sedentarismo en todas as idades, fomentando unha terceira idade activa e con calidade de vida a través do programa Amessán, así como de toda a sociedade coas Escolas deportivas de promoción da saúde de nenos/as e maiores con máis de 2.500 usuarios/as.

No vindeiro mes de marzo haberá unha xuntanza entre o presidente e os dous vicepresidentes que conformarán o novo Consello de Goberno e onde o alcalde de Ames exporá diferentes propostas relacionadas co plan Ames Saudable, que tan bo resultado está a dar no concello amesá. A partir desta xuntanza conformaranse os postos das diferentes vogalías e o deseño dos novos programas de cara á nova andadura.

Programa Ames Saudable
O Concello de Ames adheriuse a esta Rede despois de que nunha reunión celebrada o pasado 24 de novembro de 2015 da Xunta de Goberno da FEMP, se ratificase a petición feita polo goberno municipal para adherirse á sección da FEMP da Rede Española de Cidades Saudables. A partir dese momento púxose en marcha un programa de obradoiros e actividades para a promoción dunha vida saudable entre a veciñanza amesá.

A promoción da saúde concéntrase tamén nos hábitos de alimentación saudable, a través do programa Ames Saudable e dos comedores municipais, así como na prevención de condutas aditivas no ámbito escolar. “O noso Concello é, senón o único, un dos poucos que conta cunha nutricionista entre o seu persoal, e isto denota a importancia que para Ames ten unha boa programación alimenticia e un control dos hábitos saudables”, afirma o novo vicepresidente da Rede de Cidades Saudables.

O recoñecemento desta vicepresidencia pon a Ames no foco nacional da aposta pola saúde e na loita da prevención da obesidade, a través de programas activos que potencian o exercicio físico de pequenos/as e maiores, así como, en combinación coa dieta equilibrada que xa se está a levar a cabo no concello por medio da Mesa da Saúde e de forma coordinada e intersectorial con centros educativos, centros de saúde e clubs deportivos.

Trátase dunha actuación transversal que implica distintos departamentos municipais. Para iso é necesario ter un enfoque poboacional que vaia más alá das intervencións na área da saúde e facer actuacións transversais dende todos os departamentos municipais (deportes, educación, nutrición, urbanismo, servizos sociais, turismo...). O proxecto Ames Saudable engloba tres áreas de actuación: promoción da actividade física; promoción dunha alimentación saudable; e promoción dunha vida sen tabaco, alcohol e outras drogas.

Unhas das medidas incluídas no programa Ames Saudable foi abrir de novo ao público o servizo personalizado da nutricionista municipal que atende os xoves na Casa de Cultura de Milladoiro e os venres no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, realízanse unha serie de accións encamiñadas a ofrecer información e asesoramento sobre hábitos alimenticios e vida saudable aos clubs deportivos de base, aos centros escolares, ás ANPAS e aos colectivos da terceira idade. As consultas para a nutricionista poden solicitarse a través do correo electrónico dietista@concellodeames.gal.

As actividades que realizan dentro de dito plan estrutúranse en torno a tres grupos de idade: infancia, mocidade e maiores. Nos dous primeiros casos buscarase o compromiso dos pais e nais e dos clubs deportivos, referentes de moitos rapaces e rapazas. Cos mozos e mozas tamén se realizarán obradoiros e charlas de prevención de consumo de drogas ou alcol. Para a franxa dos maiores o Concello, ademais da promoción de consellos nutricionais, organiza actividades de envellecemento activo.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, foi nomeado vicepresidente da Red Española de Ciudades Saludables