Pestanas principais

O alcalde de Ames, José Miñones, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinan un convenio a través do cal a Xunta achegará 181.000 euros para o servizo de comedores municipais

Xoves, 23 de xullo de 2015

[23-07-2015] Esta tarde o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Cultura e Educación, David Santomil, reuníronse co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para asinar un convenio, a través do cal se financia durante os dous vindeiros cursos unha parte do custo da Rede Municipal de Comedores Escolares. Deste xeito, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará un total de 181.560 euros para financiar o servizo de comedor que se ofrece no CEP de Ventín, no CEIP de barouta, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP da Maía e na EEI Milladoiro.


O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a xestión do comedor escolar nos CEIP A Maía, Agro do Muíño e de Barouta; no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro, que contan cun total de 1.020 usuarios. O alcalde estivo acompañado do concelleiro de Cultura e Educación de Ames, David Santomil.

Queda renovado, por tanto, o compromiso da Xunta cun servizo complementario que xa estivo vixente no curso que agora rematou e que o Goberno galego considera fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Ao abeiro deste acordo, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar 2015-2016 e 2016-2017. Pola súa banda, o concello comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

Cómpre lembrar que en Galicia, o 83,47% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Consellería utilizan o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día tan só o abonan un 12,3% dos usuarios/as. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español.

Este convenio enmárcase dentro da colaboración da Xunta cos concellos para a prestación do servizo de comedor en 40 centros educativos de toda Galicia, grazas ao cal se lles facilitará a 2.844 usuarios acceder a este servizo complementario durante os próximos dous cursos, un 16,46% máis que os beneficiados nos cursos 13/14 e 14/15, por estes convenios.

No último curso 14/15 Cultura e Educación destinou preto de 30 millóns de euros aos comedores de xestión propia, así como ao cofinanciamento dos comedores xestionados polos concellos e polas ANPAS. Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais o número de prazas de comedores incrementouse en 13.731 desde o curso 08/09, ata chegar no 14/15 ás 71.731 (comedores xestionados pola Xunta+ANPAS+Concellos).

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello recibe de la Xunta 181.560 euros para comedores escolares"
El Correo Gallego: "Educación financiará el servicio de cinco comedores escolares en Ames"
La Voz de Galicia: "Educación da a Ames un 4,5 % más para sus cinco comedores escolares"