Pestanas principais

O alcalde de Ames felicita á xogadora de fútbol amesá Nuria Rábano polos seus éxitos coa selección española

Xoves, 07 de maio de 2015

[07-05-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, Ana Ruso, reuníronse onte coa xogadora do Milladoiro SD Nuria Rábano. Con 15 anos é unha das grandes promesas do fútbol feminino e nas últimas temporadas foi convocada para adestrar e xogar coa selección española Sub-16 e Sub-17.

O rexedor local indicou que a futbolista amesá é “un orgullo para o Concello e un exemplo a seguir para toda a mocidade”. Amor agregou que o equipo é unha “mostra de boa convivencia entre nenos e nenas nunha disciplina considerada tradicionalmente de homes”.  

Nuria Rábano comezou neste deporte cando tiña cinco anos. O Milladoiro SD viuna medrar e hoxe é a única muller do equipo cadete –que xoga en Primeira Autonómica–. Afirma non sentirse incómoda rodeada de tantos rapaces e destaca o “bo rollo” que se vive dentro do campo. “Os meus compañeiros sempre me apoiaron e recoñeceron as miñas aptitudes para o fútbol”, indica.  

Das competicións nacionais recorda que ao principio estaba nerviosa pero que agora son un gran grupo e ten moi boas amigas. O ano pasado proclamouse máxima goleadora do torneo e nesta temporada o seu equipo vén de clasificarse na segunda fase do Campionato Europeo. Proximamente adestrarán para a fase final, que terá lugar en Islandia no mes de xuño.  

Rábano, que xoga de extremo esquerdo, prefire non falar aínda do seu futuro como futbolista porque é consciente das “dificultades de chegar ao máis alto”. Baralla a posibilidade de fichar por outro equipo, que sexa feminino, pero sinala que o importante agora é “seguir traballando e gozar do fútbol”.