Pestanas principais

O alcalde de Ames envía unha carta a Naturgy en defensa dos usuarios e usuarias de Ames

Luns, 02 de xaneiro de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, enviou esta mesma mañá unha carta dirixida a Naturgy para trasladarlle a súa preocupación polos cortes de luz que dende hai varias semanas se están a sufrir en diferentes puntos do concello. Do mesmo xeito solicitoulle á distribuidora a máxima implicación na defensa dos dereitos persoas usuarias pois xestionan un servizo básico e esencial para os veciños e as veciñas de Ames.

A carta dirixida á distribuidora Naturgy comeza comunicándolle as incidencias acontecidas nas últimas semanas “desde hai varias semanas as veciñas e veciños de diferentes puntos do concello de Ames, levan sufrindo cortes de electricidade de maneira continuada, nalgunhas parroquias como Agrón, Oca e Lens, a situación é insostible debido ao elevado número de ocasións nos cales a veciñanza queda sen subministro eléctrico”. E engade “Moitas destas incidencias eléctricas, déronse no día de noitevella, quedando moitas veciñas e veciños sen luz durante horas, co contratempo que isto xerou nunha data tan sinalada”.

Unha situación insostible que como recolle a carta obriga ao alcalde de Ames, Blas García, a defender os dereitos da veciñanza “Como alcalde, é para min unha obriga velar e defender os intereses dos meus veciños e veciñas, e o seu, como empresa que ademais xestionan un servizo básico e esencial, debería de ser o de coidar e respectar os dereitos dos seus clientes e usuarios, e atender as súas necesidades e demandas dentro duns prazos lóxicos e normais”.

Para rematar o alcalde de Ames insta a Naturgy a facilitar información sobre o acontecido e a realizar melloras na liña “Tendo en conta as consecuencias e prexuízos que se lle están a ocasionar aos veciños e veciñas, solicitamos que se nos informe dos motivos das incidencias referidas, así como si teñen previsto levar a cabo algún tipo de reforzo nas liñas ou melloras que permitan dar un servizo óptimo ás persoas usuarias”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Carta a Naturgy ante los continuos cortes de luz en Oca, Agrón y Lens"

La Voz de Galicia: "Ames y Brión reclaman a Naturgy por los cortes de luz"

AMS GO!: "O alcalde de Ames pide explicacións a Natugy polos frecuentes cortes de luz"

 

O alcalde de Ames envía unha carta a Naturgy en defensa dos usuarios e usuarios de Ames