Pestanas principais

O alcalde de Ames envía cartas á FEMP e a FEGAM en defensa das persoas usuarias do sector bancario

Venres, 11 de xuño de 2021

A Federación Española de Municipios e Provincias maila Federación Galega de Municipios e Provincias reciben estes días sendas cartas do alcalde de Ames, Blas García, nas que solicita a máxima implicación na defensa das persoas usuarias das entidades bancarias e amosa a súa preocupación pola perda de servizos e de atención presencial no sector motivada pola  aceleración na dixitalización impulsada pola pandemia. Nas cartas, o alcalde manifesta unha especial preocupación polas persoas maiores e aqueles sectores da poboación que se manexan peor coas novas tecnoloxías. Con anterioridade, o alcalde de Ames enviara cartas semellantes ás entidades bancarias que teñen sede en Ames, co obxectivo de que trasladasen estas peticións ás persoas que dirixen cada unha delas.

Para Blas García: “A perda de persoal traballador na banca e o establecemento de horarios restritivos para a realización de determinados trámites, provoca que cada vez máis operacións non se poidan facer de xeito presencial nas oficinas bancarias. Isto untase coa imposición de importantes comisións que aumentan de xeito unilateral mentres se reducen os servizos e coa aparición de campañas que intentan incrementar o uso da banca electrónica”. Algunhas destas campañas, segundo o alcalde de ames, “resultan denigrantes para aquelas persoas que se senten incapaces de acceder aos servizos bancarios a través dos sistemas telemáticos”.   

Manifesta García que “por iso, aínda que desde as administracións apoiemos os avances nos servizos dixitais e respectemos a liberdade das empresas á hora de desenvolver o seu traballo, consideramos que é preciso ter en conta e coñecer que existe un importante sector da poboación que sofre no seu día a día a fenda dixital, como poden ser os nosos e as nosas maiores, que en moitas ocasións ven como as entidades financeiras impoñen demasiadas trabas para levar a cabo operacións sinxelas que para eles e elas son de primeira necesidade”.

Logo de manifestar que “ todas as persoas acabamos tendo a necesidade de manter algún tipo de relación comercial coa banca”, Blas García insta a FEGAMP E A FEMP a que se implique na defensa das persoas usuarias das entidades bancarias, que al fin son prácticamente a totalidade das veciñas e veciños dos municipios españois”.

Para o alcalde de Ames, “os Concellos e as Deputación non podemos nin debemos quedar impasibles ante o reiterado abuso e desprezo que as entidades bancarias están a cometer cos nosos veciños e veciñas, e especialmente contra un sector da poboación moi concreto”. E por  iso que García considera que a Fegamp  e a FEMP “deben facer visible esta cuestión e dar traslado da queixa as propias empresas do sector bancario para dar maior difusión a esta problemática
que nos afecta a todas e a todos”.

Concello