Pestanas principais

O alcalde de Ames e o vicepresidente da Xunta visitan a parcela do Milladoiro na que se porán a disposición dos veciños e veciñas 48 hortas urbanas

Luns, 09 de decembro de 2013

[09-12-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitaron esta mañá a parcela municipal do Milladoiro no que a partir de 2014 se porán a disposición dos veciños e veciñas de Ames un total de 48 hortas urbanas. O acondicionamento desta parcela, situada entre as rúas Rueiro e Francés, foi posible grazas a unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental de preto de 40.000 euros concedida pola Consellería de Presidencia.


Un proxecto sostible e solidario
O acceso ás hortas urbanas sostibles e solidarias estará aberto a todos os veciños de Milladoiro maiores de idade e empadroados. Ademais, reservarase un porcentaxe das parcelas para casos de emerxencia social e outro parcelas para maiores de 65 anos. O procedemento de adxudicación das parcelas iniciarao o Concello, establecendo os prazos de solicitude. Despois, a adxudicación das parcelas farase mediante sorteo público.

Os hortos urbanos contribúen á conservación da biodiversidade, xa que supoñen un xeito de recuperación e protección de sementes autóctonas. Ademais, son un bo exemplo da posibilidade de mesturar o emprego dunha zona como área recreativa ao tempo que didáctica para o coñecemento do medio natural. O acondicionamento da parcela dedicada aos hortos e as futuras actuacións no seu contorno, permiten que a calidade ambiental da zona mellore de xeito moi significativo. Os hortos urbanos tamén teñen un carácter social, xa que proporcionan un espazo produtivo e un lugar de ocupación para colectivos como persoas desempregadas ou maiores.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, deulle a noraboa ao alcalde de Ames pola posta en marcha desta iniciativa “grazas á que moitos veciños deste Concello poderán desenvolver unha actividade relacionada co medio ambiente e da que seguro van sacar moito proveito”. Alfonso Rueda puxo o proxecto de Ames como “perfecto exemplo de que con eses pequenos investimentos do Fondo de Compensación Ambiental se poden levar a cabo actuacións dirixidas a rexenerar espazos urbanos ou, como neste caso, a fomentar a conciencia de coidar o medio ambiente”.

O vicepresidente da Xunta gabou que “se ofreza unha oportunidade a veciños e veciñas de Ames para que poidan pasar nesta parcela un tempo de lecer e cultivar a súa propia horta, consumindo os seus produtos.” “Cúmprese o obxectivo de facer medrar a conciencia medioambiental, dando vida a unha parcela abandonada e poñendo en marcha un espazo totalmente coidado”, engadiu.

En total, a parcela do Milladoiro conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados e prevese que nela se poidan dispoñer 48 hortas para a súa cesión á veciñanza do Milladoiro. Unha vez xa rematado o proceso de acondicionamento da parcela municipal, está previsto que no inicio do 2014 se proceda á apertura do prazo de solicitudes para que as persoas interesadas poidan ter a posibilidade de contar cunha horta urbana no Milladoiro.

Na visita, á que asistiron numerosos veciños e veciñas interesados na concesión dunha destas parcelas, tamén participou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, así como os concelleiros/as de Medio Ambiente, María Eugenia Martín; de Urbanismo, Alfredo Taboada, e o de Promoción Económica, Bernardo Moar.

O alcalde de Ames agradeceulle ao vicepresidente da Xunta o apoio amosado a este e outros proxectos e destacou que o prazo para a concesión dunha horta urbana abrirase unha vez que pase o período de Nadal, a principios de 2014. Santiago Amor subliñou que con este proxecto “gañamos unha parcela de titularidade municipal que estaba abandonada para que os veciños e veciñas de Ames poidan gozar no seu tempo de lecer dunha actividade como pode ser a agricultura ecolóxica”. O rexedor fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa sostible e tamén solidaria, xa que unha porcentaxe das hortas estará reservada para persoas usuarias dos Servizos Sociais e outra para maiores de 65 anos.

Santiago Amor tamén lembrou o éxito que esta iniciativa alcanzou en Bertamiráns, onde se puxeron a disposición 34 terreos e se rexistraron máis demandantes que parcelas. O alcalde amosouse convencido de que “en Milladoiro tamén será un éxito, xa que é un proxecto que está tendo unha moi boa acollida”. Sobre a posibilidade de ampliar esta iniciativa, o rexedor explicou que “temos en mente outras parcelas municipais para levar a cabo unha segunda fase deste programa de hortas ecolóxicas no Concello”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "«Para min é mellor unha horta a que me toque a lotería de Nadal»"