[05-12-2013] O Pazo da Peregrina acolleu durante toda a mañá a Xornada de Motivación para o Emprendemento e Acceso ao Financiamento, organizada polo Concello de Ames e a Deputación da Coruña. Esta acción informativa, na que participaron máis de 70 persoas, foi inaugurada polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Antonio Cañás, que estiveron acompañados polo concelleiro de Emprego, Bernardo Moar.
Axudas e financiamento
Na segunda parte da mañá, que contou coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña (AJE) e a sociedade Afianzamentos de Galicia (AFIGAL), realizouse un percorrido sobre as axudas existentes para persoas emprendedoras. Ademais, a segunda parte da xornada estivo dedicada ás fontes de financiamento que poden apoiar a posta en marcha dun proxecto empresarial.
Deste xeito, os asistentes coñeceron as diferentes axudas ás que poden optar os emprendedores, as axudas do IGAPE, os microcréditos da Deputación, os avais e produtos de financiamento de AFIGAL e os préstamos participativos ENISA 2013. Por último, abordouse a presentación do proxecto Deputación da Coruña: convenio EOI-Deputación provincial e a factoría de innovación e captación de empresas.
Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu ao vicepresidente da Deputación “o apoio que o organismo provincial brinda sempre aos proxectos que se levan a cabo en Ames”. O rexedor destacou o papel que xogan actualmente as deputacións na posta en marcha de iniciativas nos municipios e na colaboración e financiamento das infraestruturas básicas e de postos de traballo. Santiago Amor subliñou que “con actividades formativas como a que celebramos hoxe, o Concello de Ames demostra a súa firme aposta por fomentar o espírito emprendedor, que entendemos como unha ferramenta imprescindible para mellorar a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas”.
O alcalde amiense animou aos asistentes a poñer en marcha os seus proxectos, apostando polo emprendemento “que implica ideas novas, ilusións, riscos e, sobre todo, paixón polo proxecto que se quere sacar e adiante”. Santiago Amor destacou que o Concello de Ames “considera o emprendemento como unha vía importante para dar pasos cara a saída da crise económica. Froito deste convencemento, a día de hoxe estamos levando a cabo diferentes programas que dan formación a máis de 100 veciños e veciñas de Ames e da nosa contorna”, en referencia a programas como InserAmes ou Rede Xiana.
Santiago Amor subliñou que “o esforzo de Ames xa estivo a dar os seus froitos, dando lugar a novos proxectos empresariais que naceron durante as actividades formativas organizadas no noso municipio. De feito, hoxe poderedes escoitar o testemuño duns emprendedores que maduraron a súa idea no obradoiro de emprego Encontro Verde, celebrado durante este ano en Ames. Eles son un dos exemplos de como con talento, creatividade e iniciativa se pode sacar adiante un proxecto de futuro”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Antonio Cañás, destacou o traballo desenvolvido por Ames no formación para o emprego e a súa aposta polo emprendemento. Antonio Cañás fixo fincapé en que “a Deputación defende o traballo dos emprendedores porque son os que crean riqueza”. Neste sentido subliñou que “o obxectivo é poñer a disposición dos emprendedores as ferramentas necesarias para poñer en marcha os seus proxectos”. Por iso, destacou que é fundamental a colaboración entre as administracións para a programación de iniciativas como a que hoxe se celebrou en Bertamiráns. O vicepresidente da Deputación destacou que, aínda que non é sinxelo, o acceso ao financiamento é unha parte moi importante do proxecto emprendedor polo que a través destas xornadas se dan a coñecer todas as posibilidades que están a disposición dos emprendedores. Antonio Cañás animou aos asistentes a emprender e a apostar polas súas ideas no actual momento de crise.
O obxectivo desta actividade foi fomentar o emprendemento e dar a coñecer as axudas dispoñibles para a posta en marcha de novos proxectos empresariais. O programa de contidos desta xornada estivo dividida en dúas partes: a motivación para emprender e axudas/financiamento. No primeiro tramo da mañá, entre as 9:30 h e as 11:30 horas, os asistentes a este seminario abordaron aspectos xerais do emprendemento, como a motivación e a idea empresarial. A primeira mesa redonda tratou sobre a motivación para emprender, tema do que falou o axente de desenvolvemento local da Deputación da Coruña. Na segunda mesa redonda abordouse o tema da idea empresarial. Neste caso interviñeron o director da UPD da Deputación de A Coruña, un técnico da UPD e un emprendedor de Ames.






