Pestanas principais

O alcalde de Ames e o conselleiro de Educación visitan as novas instalacións do CEP de Ventín, antes do inicio do curso escolar, nas que se investiron 1,27 millóns de euros

Martes, 02 de setembro de 2014

[02-09-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, visitaron esta mañá o CEP de Ventín, que está situado na localidade do Milladoiro, onde se executaron obras de ampliación por un importe de 1,27 millóns de euros, que se suman á reforma xa realizada anteriormente, que supuxo un investimento de 10.000 euros. O alcalde e o conselleiro estiveron acompañados polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín. Nesta visita tamén participaron o xefe territorial da Consellería de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, e o director do centro educativo, Alfredo Rodríguez.


Dotación dun aparcamento
Ademais, no pasado mes de agosto o goberno municipal inicio o expediente de contratación de varias obras que están incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondentes ao exercicio 2014. Entre estes proxectos atópanse as obras para dotar dun aparcamento ao CEP de Ventín.

O aparcamento do colexio de Ventín disporá dunha superficie de 1.715 metros cadrados (49 x 35 metros). Os traballos que se realizarán serán o acondicionamento do terreo coa correspondente nivelación e rasanteo. Posteriormente, executarase a pavimentación desta superficie con quince centímetros de grava e aplicarase un triple tratamento asfáltico.

Implantación da xornada continua
Por outra banda, cómpre destacar que dende o inicio deste curso implantarase a xornada continua no CEP de Ventín. Polo tanto o horario escolar pasará a ser de 9:20 h a 14:20 horas, de luns a venres. De seguido, entre as 14:20 h e as 16:20 horas, funcionará o servizo do comedor escolar, e por último, de 16:20 h a 18:20 horas aproximadamente, estará aberta a biblioteca do centro escolar.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o alcalde de Ames, Santiago Amor, visitaron esta mañá o CEP de Ventín tralas obras realizadas para a súa completa remodelación e ampliación. Neste sentido, o conselleiro de Educación salientou “a importancia desta actuación na que se realizou un investimento de 1,27 millóns de euros. Esta obra eleva a preto de 1,37 millóns de euros o investimento feito por parte da Xunta de Galicia neste colexio, que forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e conta cunha aula dixital, e no que xa se teñen realizado dende o ano 2009 outras melloras, fundamentalmente na cuberta”.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu “o investimento que a Xunta de Galicia realizou nos últimos anos en Ames coa posta en funcionamento, o curso pasado, do novo IES do Milladoiro e coa ampliación das instalacións do CEP de Ventín, xa que se trataba dunhas obras de ampliación moi demandadas pola veciñanza amiense e que permitiron dar resposta ás necesidades que presentaba este centro educativo”.

Ampliación do CEP de Ventín
As obras de reforma e ampliación do CEP de Ventín supuxeron actuar na práctica totalidade do edificio, ampliando con zonas de nova construción a ala sur tanto en superficie como dotándoa dunha altura máis. A nova superficie resultante aloxa 7 aulas de educación primaria, un aula de usos múltiples e 2 aulas de apoio, ademais de zonas de servizos comúns e instalacións.

Deste xeito, o centro pasou de ter 18 unidades a ter 24, o que supón un incremento de 150 prazas para alumnas e alumnos, dando resposta ás necesidades da comunidade educativa. Esta ampliación permitiu incrementar nun 33% o número de prazas neste centro educativo, pasando das 450 que había antes ás 600 actuais.

Ademais das zonas de nova construción executáronse unha serie de reformas sobre a distribución existente, o que supón que se actúa practicamente na totalidade da edificación. Neste sentido modificouse a localización da biblioteca para aumentar a súa superficie e posibilitar o acceso directo desde o exterior, e trasladouse o cuarto de caldeiras e o local de cadros eléctricos, o que permitiu ampliar e mellorar o espazo do conserxe. Ademais das reformas indicadas, levouse a cabo a substitución de toda a instalación eléctrica e lumínica e a adaptación da instalación contra incendios.

No referido ao sistema construtivo, a prioridade foi realizar un deseño o máis lixeiro respondendo ás necesidades de funcionalidade dos edificios docentes e buscando, ao mesmo tempo, a súa durabilidade e facilidade de limpeza e mantemento.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames e o conselleiro de Educación visitan as novas instalacións do CEP de Ventín"
La Voz de Galicia: "El colegio de Ventín tiene 600 plazas tras una inversión de 1,27 millones"