Pestanas principais

O alcalde de Ames e o concelleiro de Urbanismo, xunto coa empresa e a dirección de obra supervisaron os traballos e a toma de mostras na rúa Anxeriz para analizar e buscar unha solución aos desperfectos que se produciron no pavimento

Venres, 08 de marzo de 2013

[08-03-2013] O alcalde de Ames, o concelleiro de Urbanismo, técnicos municipais, operarios da empresa que levou a cabo as obras na rúa Anxeriz, no Milladoiro, os directores de obra e traballadores dunha empresa de control de calidade achegáronse esta mañá ata a rúa para a toma de mostras in situ de compoñentes do pavimento. O obxectivo destes traballos, que requiriron o corte ao tráfico da rúa, é analizar a resistencia dos materiais empregados nesta obra para solucionar os desperfectos que se produciron no pavimento.

O rexedor amiense, o concelleiro de Obras e os técnicos municipais mantiveron nas últimas semanas reunións tanto cos directores de obra como cos responsables da empresa que realizou as obras de reurbanización da rúa Anxeriz. O obxectivo destes encontros de traballo foi poñer sobre a mesa o estado actual que presenta esta rúa e analizar as posibles solucións ao deterioro do pavimento, que tantas molestias causa a veciños/as da zona.

Nestas reunións, os directores de obra recomendáronlle ao Concello de Ames a necesidade de realizar varias probas para determinar con exactitude a que poden deberse as deficiencias, unhas probas que se realizaron esta mañá. Para levar a cabo esta operación, a empresa adxudicataria aportou os operarios necesarios para o levantamento de lousas, que se fixo en tres puntos distintos da rúa. Os traballos estiveron controlados polos técnicos municipais e por unha empresa de control de calidade.

Estes traballos implicaron a realización de cortes de tráfico na rúa, mentres duraron as operacións para a extracción de mostras. O Concello lamenta as posibles molestias que puideron ocasionar estes traballos aos veciños/as desta rúa e aos condutores que circulan por ela.

Os traballos comezaron na rúa Anxeriz ás 9:00 horas da mañá. O primeiro dos pasos foi determinar os tres puntos da rúa nos que se tomarían as mostras e marcalos. Despois, procedeuse ao levantamento de adoquíns nestas zonas para que o operario da empresa de control de calidade tomase as mostras de formigón e morteiro que posteriormente se analizarán para determinar a súa calidade e resistencia.

As mostras tomáronse en tres puntos da rúa nos que se observaban tres aparencias do pavimento distintas. No primeiro caso, atopábase roto o zuncho de formigón e fundido o pavimento. No segundo caso, estaba fundido o cerco dunha arqueta, mentres que no terceiro atopábase fundido o formigón nunha das zonas de rodadura da rúa. En todos estes puntos, tomáronse mostras dos diferentes compoñentes do pavimento para realizar probas en laboratorio. Ademais, supervisáronse outros puntos da rúa indicados por veciños e veciñas.

Ata a rúa Anxeriz desprazouse o alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, para observar os traballos de toma de mostras do pavimento. Esta operación é froito das xestións levadas a cabo polo Concello de Ames coa dirección de obra e a empresa adxudicataria das obras de reurbanización da rúa Anxeriz, de cara a determinar e atallar as causas que motivan as deficiencias que presenta actualmente o pavimento.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames e o concelleiro de Urbanismo supervisaron os traballos na rúa Anxeriz"