[06-09-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, visitaron esta mañá as obras de construción dunha zona de aparcamento, que estará situada ao carón do Centro de Formación Ocupacional e Usos Múltiples de Ames. O rexedor e o concelleiro puideron comprobar o estado das obras. Nestas xornadas, as máquinas comezaron co movemento de terras co obxectivo de adaptar a superficie do terreo. Cómpre lembrar que estas obras foron adxudicadas no pasado mes de xullo á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 66.943,25 euros. O novo aparcamento disporá de 27 prazas (2 prazas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida). Estas obras están incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondente ao exercicio 2013.
Esta construción cubre o déficit de prazas de aparcamento desta infraestrutura municipal, que foi deseñada e construída sen unha planificación de aparcamento. Ademais, solucionase a carencia de acceso ao muelle de carga do centro de formación.
Para facilitar o estacionamento a todas as persoas que participan nos obradoiros e cursos que se imparten neste centro de formación o goberno municipal decidiu sufragar a través do POS 2013 a construción dun aparcadoiro, que estará situado ao carón do Centro de Formación Ocupacional de Ames. A través deste proxecto preténdese construír un aparcamento público de superficie que, entre outras actividades, preste servizo aos usuarios/as do Centro de Formación Ocupacional de Ames.
O Centro de Formación Ocupacional de Ames, que se atopa nas proximidades da urbanización de Aldea Nova, disporá proximamente dun aparcadoiro público. Nas últimas xornadas deron comezo as obras na parcela que se destinará a este fin. As máquinas comezaron co movemento de terras co obxectivo de adaptar a superficie do terreo.
A adxudicación desta obra enmárcase dentro da liña de traballo que está realizando o goberno municipal co obxectivo de impulsar as obras que están incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondente ao exercicio 2013. Deste xeito, estanse axilizando os prazos e impulsando a posta en marcha das obras sufragadas a través de POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada no tempo e comezaron a realizarse a finais de ano. Esta obra foi proposta polo grupo socialista.