Pestanas principais

O alcalde de Ames e o concelleiro de Educación visitaron a nova sala da biblioteca do Milladoiro para comprobar o estado no que se atopa antes de abrir ao público

Mércores, 28 de maio de 2014

[28-05-2014] As obras de ampliación da biblioteca municipal do Milladoiro están a piques de rematar. Durante esta semana estanse arranxando os últimos detalles desta obra que permitirá dotar ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual. Esta mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitaron esta nova sala da biblioteca, para comprobar o estado das obras. Proximamente, o novo local da biblioteca do Milladoiro, que dispón dunha superficie de 190,80 metros cadrados, será aberto ao público. Nestes traballos investíronse un total de 108.827 euros. O acondicionamento da biblioteca do Milladoiro está incluído nun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña.

O Concello de Ames está rematando os últimos detalles da obra de ampliación da biblioteca municipal do Milladoiro. Unha vez rematados estes traballos, este novo local será aberto ao público. Haberá unhas xornadas de portas abertas cunha programación específica. Coa execución deste proxecto o goberno municipal cumpre o compromiso de dotar á localidade do Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual.

Os traballos consistiron no acondicionamento integral dun local que linda coa actual biblioteca, que pasou a integrarse como unha nova sala de estudo. Este local foi reformado completamente. Deste xeito, houbo que executar a instalación da rede eléctrica, do sistema de fontanería e calefacción, executouse o recebado e pintado das paredes, entre outros traballos. Este local conta cunha superficie total de 190,80 metros cadrados.

A nova sala conta cunha ampla zona de lectura, unha área de servizos hixiénicos, un cuarto de limpeza e un almacén. Este local está comunicado coa biblioteca existente. Ademais, houbo que dotar a este espazo do mobiliario necesario. Colocáronse 12 mesas que dispoñen de 4 postos por mesa. Polo tanto, esta nova sala conta con 48 postos para persoas que desexen facer uso das mesas deste local.

Ampliación da zona de estudo da biblioteca do Milladoiro
Esta mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitaron esta nova sala da biblioteca para comprobar o estado das obras. O rexedor municipal explicou que “a execución destes traballos permitiron ampliar a zona de estudo da biblioteca do Milladoiro, que actualmente resulta insuficiente para atender a demanda da crecente poboación, na súa grande maioría moza, tanto en idade escolar como universitaria”. “Este proxecto parte do compromiso feito público antes de chegar á Alcaldía”, destacou Santiago Amor.

A biblioteca municipal do Milladoiro non só é empregada pola veciñanza de Ames, senón que moitas persoas que residen na zona da Rocha e Conxo (Santiago de Compostela), así como en Vilar de Calo, Solláns e Cacheiras (Teo), empregan o servizo de préstamo de libros que ofrece esta biblioteca. Cómpre lembrar que facerse socio da biblioteca do Milladoiro é totalmente gratuíto e permíteche empregar o servizo de préstamo de libros. Ademais, hai que destacar que durante os últimos días houbo problemas co servizo de Internet na biblioteca. Dende o Concello xa se está traballando para solucionar estes problemas técnicos o máis axiña posible.

O acondicionamento da biblioteca do Milladoiro está incluído nun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña, que permitiu a posta en marcha de diferentes obras que teñen que ver coa mellora de estradas, canalización de pluviais e seguridade viaria en varios puntos do Concello.

Ampliación do horario da biblioteca
Esta mellora únese á ampliación do horario de apertura das bibliotecas municipais, que teñen un horario ininterrompido de 8:30 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados de 09:00 a 14:00 horas. Esta ampliación de horario, que se está aplicando dende o pasado verán, permite reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro especialmente na época de exames, o que permite dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo. A ampliación do horario das bibliotecas municipais enmárcase dentro do compromiso de prestar un mellor servizo e converter a biblioteca nunha opción para o estudio.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ultiman as obras da sala de estudo na biblioteca do Milladoiro, Ames"