Pestanas principais

O alcalde de Ames e o concelleiro de Educación visitan a escola unitaria de Ortoño, onde a semana pasada o Concello acometeu o selado da cuberta do patio exterior para evitar filtracións de auga

Xoves, 06 de novembro de 2014

[06-11-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitaron a escola unitaria da Igrexa, situada no lugar de A Tarroeira, parroquia de Ortoño. Alí, acompañados da directora do centro educativo, María del Carmen Fernández, puideron comprobar os traballos realizados a pasada semana polo Concello para o selado da cuberta do patio exterior. Con esta actuación, buscouse dar solución ao problema de filtracións e goteiras que presentaba esta cuberta e que xa se viña producindo no centro educativo desde hai seis anos.

Na súa visita, o rexedor e o concelleiro puideron coñecer de preto as outras necesidades que presenta esta escola unitaria, na que, segundo avanzou Santiago Amor, “se seguirá investindo para mellorar as súas instalacións, nas que estudan 18 nenos e nenas”. Proximamente, entre outras acometerase a obra de mellora do peche do almacén da escola e o cambio de pezas na caldeira da calefacción. O obxectivo desta visita era realizar unha relación de actuacións prioritarias a acometer no centro educativo.

Nos últimos meses leváronse a cabo diferentes obras na escola unitaria de Ortoño. De feito, e con cargo a unha subvención da Deputación da Coruña, acometeuse o tratamento da fachada do centro educativo e introducíronse melloras na instalación eléctrica, dotándoa de novos puntos de acendido e tomas de corrente.

Casa da Cultura de Bertamiráns
Ademais, o Concello de Ames está levando a cabo reparacións na Casa da Cultura de Bertamiráns de cara a arranxar as goteiras que afectaron nos últimos días á biblioteca. Os operarios están reparando o canalón da instalación, xa que se detectou que as filtracións de auga que se rexistraban no interior procedían del. O que se fará é reparar os puntos danados e colocar rebosadeiros para ampliar a saída de augas e evitar a súa entrada no interior. Esta actuación súmase á xa realizada a principios de ano para reparar a cuberta.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La biblioteca de Bertamiráns, afectada por las goteras"