Pestanas principais

O alcalde de Ames e a conselleira de Traballo visitan aos alumnos de InserAmes Brión, un programa no que 10 das persoas participantes xa lograron a inserción laboral

Venres, 24 de xaneiro de 2014

[24-01-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, achegáronse esta semana ata o Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova para visitar aos alumnos/as do programa integrado para o emprego InserAmes Brión. Na visita, estiveron acompañados pola directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, polo concelleiro de Emprego de Ames, Bernardo Moar, e pola concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, así como por outros membros da Corporación.

En total, o programa InserAmes Brión ofrece formación para o emprego a 80 persoas desempregadas de Ames e Brión e conta cun orzamento total de 160.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.

Durante a visita, o alcalde de Ames comunicoulle á conselleira de Traballo que dos 80 alumnos/as que están realizando a súa formación no programa integrado, un total de 10 xa atoparon emprego, e que a maior parte dos alumnos están realizando prácticas en empresas. Os alumnos/as que se atopan esta semana no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova están realizando un curso de inglés básico.

Ata o momento, iniciáronse un total de 12 accións formativas no marco do programa InserAmes Brión. A formación estase realizando en Ames, no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, e en Brión, na Aula Cemit dese municipio. Deste xeito, comezou a formación de operario de almacén e de atención e coidados especializados a persoas dependentes, con 200 horas de formación cada un dos cursos. Tamén se puxo en marcha a actividade formativa de operario de caixa-repoñedor, con 126 horas, e de eficiencia enerxética en edificios, con 50 horas. Os alumnos/as de InserAmes Brión tamén levaron a cabo un curso de informática básica, que conta con 24 horas; outro de inglés, con 40 horas, e un máis de manipulador de alimentos, que conta con 40 horas de formación. A maiores, celebrouse unha xornada de autoemprego e un curso de xestión de equipos de traballo.

As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados e a mulleres de baixa cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego.

Trátase xa da sexta edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión. No 2013, os dous municipios, dentro da liña de colaboración que veñen desenvolvendo, decidiron deseñar un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. A finalidade desta iniciativa é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que formará aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Más del 12 % de los alumnos que asisten a InserAmes Brión ya disponen de un empleo"