Pestanas principais

O alcalde de Ames e a concelleira de Educación visitan co xefe territorial de Educación o CEIP de Barouta

Luns, 06 de xullo de 2015

[06-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Educación, Luísa Feijóo, mantiveron esta mañá varias xuntanzas con algúns dos directores/as dos centros de ensino amesás. As autoridades municipais estiveron co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, no CEIP de Barouta, co obxectivo de ver as necesidades que presenta este centro de ensino. Nesta visita tamén estivo o director do centro de ensino e representante da ANPA. Ademais, o alcalde e a concelleira acudiron ata o CEIP de Ventín e á escola unitaria de Covas, para comprobar as necesidades que presentan estes colexios.

O goberno municipal tivo esta mañá unha primeira toma de contacto con algúns dos directores/as dos centros e escolas de Ames. Tanto o rexedor municipal como a edila de Educación estiveron nas instalacións do CEIP de Barouta, onde se reunión co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, co director do centro, Jesús Seage, e con representantes da ANPA deste colexio. O obxectivo desta visita era determinar as obras que son necesarias realizar neste centro de cara ao vindeiro curso escolar.

Segundo se desprende desta xuntanza será necesario executar obras na cuberta do pavillón para impermeabilizalo mellorando o illamento térmico e poñendo solución ao problema das filtracións de auga por condensación. Para iso haberá que meter unha capa de illamento encima da actual cuberta, e posteriormente, cubrila con outra nova cuberta. Ademais, estanse buscando novos espazos dentro do colexio, para habilitar unha aula de usos múltiples, e deste xeito, deixar o espazo que está actualmente dedicado a comedor para impartir clase.

Por outra banda, o alcalde e a concelleira de Educación estiveron nas instalación do CEP de Ventín, co director do centro, Alfredo Rodríguez, para ver de primeira man as necesidades deste centro educativo. Despois da visita a este colexio decidiuse elaborar un plan de actuación, para que a brigada municipal realice traballos de acondicionamento de cara ao inicio do próximo curso en setembro. Por último, as autoridades municipais visitaron a escola unitaria de Covas e reuníronse coa mestra que imparte clase neste centro. Neste caso, foi a propia mestra da escola a que lle explicou aos membros do goberno as necesidades que presenta esta instalación.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “as xuntanzas mantidas esta mañá con algúns dos directores dos centros de ensino amesás serviron para que dende o goberno municipal coñezamos de primeira man a situación destes colexios e escolas unitarias de cara o comezo do curso escolar 2015-2016”. Miñones tamén apuntou que “apostamos pola educación pública e en consecuencia intentaremos dar resposta ás necesidades existentes e ás que poidan xurdir no futuro no eido educativo amesá”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Miñones analiza con Educación necesidades urgentes del colegio de Barouta"