Pestanas principais

O alcalde de Ames e a concelleira de Benestar Social visitan as instalacións de Arcea-Adames no Milladoiro

Xoves, 21 de marzo de 2013

[21-03-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, visitaron esta mañá as instalacións que a asociación Arcea-Adames ten no Milladoiro. Durante esta visita, na que estiveron acompañados por Natalia, a educadora da asociación, e Serafín, secretario de Arcea Adames e pai dun dos usuarios, o rexedor e a concelleira puideron coñecer de preto as actividades que realizan os 10 usuarios/as cos que conta na actualidade Arcea-Adames. O encontro tamén serviu para buscar liñas de colaboración coa asociación, como a posibilidade de que os usuarios participen en actividades deportivas e culturais do Concello, ou que reciban clases de teatro.

Segundo explicou Santiago Amor, “esta visita foi un compromiso que adquirín co presidente da asociación”. O rexedor e a concelleira coñeceron de primeira man os traballos e actividades que realizan estas persoas diariamente e destacaron o traballo que realizan, así como a completa formación que reciben.

A asociación Arcea-Adames, que está presidida por Juan Sastre Serrano, creouse no ano 2003 como iniciativa duns pais e titores de persoas con discapacidade intelectual, coa finalidade de adoptar todas as medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas e a dos seus familiares.

No local, situado na Rúa de Abaixo do Milladoiro, o alcalde e a concelleira estiveron falando cos alumnos/as para coñecer as actividades que realizan neste centro, onde combinan ao longo da xornada formación laboral e educativa. Deste xeito, pola mañá, impártense dous bloques de formación laboral nos que realizan traballos para diferentes empresas, como pode ser a montaxe de pezas, revisado de material ou ensamblaxe de kits. Xa pola tarde, os usuarios/as participan nun bloque de formación educativa, que se distribúe en grupos en función das habilidades de cada unha das persoas.

Neste bloque de formación, a educadora de Arcea-Adames imparte un proxecto de desenvolvemento integral, no que se tratan cuestións relacionadas con diferentes ámbitos: desde a saúde ao cálculo aplicado á vida diaria. O obxectivo é lograr a maior independencia posible dos usuarios/as. A formación impártese en función das habilidades de cada persoa, coa finalidade de que gañen a maior autonomía posible.