[28-09-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, convocou esta mañá aos representantes da plataforma de afectados polo cobro da taxa do lixo a unha reunión que se celebrará o próximo martes, 2 de outubro, ás 14:00 horas na Casa do Concello.
O rexedor, na súa aposta polo diálogo e a transparencia, comezou esta semana os contactos cos membros da oposición e remataraos a próxima semana. De todos os xeitos, lembra que “as portas da Alcaldía están sempre abertas para todo o que queira dialogar” e destaca que, por exemplo, a reunión co representante do grupo dos non adscritos celebrouse “sen necesidade de convocar ningunha xunta de portavoces”.
Santiago Amor cualifica, ademais, de “lamentable” a actitude que están a manter os grupos da oposición alimentando a crispación entre os veciños e veciñas que acudiron onte á sesión plenaria. O rexedor lamenta que se estea alimentando a crispación, e que o Goberno amiense se vexa obrigado a garantir a seguridade dos concelleiros e dos veciños e veciñas que asistiron onte ao pleno.
Ante as críticas da oposición sobre a data na que se emitiu o informe da Deputación da Coruña, o alcalde de Ames afirma que “o único obxectivo que perseguen é distraer coas datas, cando o importante é o contido do informe, no que se advirte de xeito claro e rotundo das responsabilidades penais, patrimoniais e contables que suporía para o Concello a anulación dese proceso, iniciado polo anterior Executivo socialista e que por imperativo legal tivo que ser continuado”.
Os grupos da oposición basean as súas críticas na data na que foi remitido o informe, e rexeitan entrar a valorar o contido do mesmo, porque o documento elaborado polo servizo de asistencia económica a municipios da Deputación reitera desde a primeira páxina do informe “a total coincidencia co contido do informe conxunto da Secretaría, Intervención e Tesourería Municipais do 30 de maio de 2012”.
Coa solicitude deste informe, o Goberno amiense amosou a súa vontade de cumprir a legalidade e de transparencia, que agora continuará reuníndose e dialogando cos representantes da plataforma.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Reunión amiense con la Plataforma do Lixo tras el informe provincial"




