Pestanas principais

O alcalde de Ames, Blas García, reúnese coa veciñanza de Agrelo para dar conta do proxecto de humanización da rúa

Luns, 30 de outubro de 2023

O alcalde, Blas García, reuniuse coa veciñanza da rúa Agrelo en compaña dos concelleiros de Obras e Urbanismo, Gustavo Nieto e Victor Fernández, así como un técnico da empresa redactora do proxecto, Estudo Técnico Galego. Esta xuntanza responde á vontade dos presidentes das comunidades de propietarios de coñecer de primeira man o proxecto de humanización da rúa Agrelo, aínda que foi aberta a calquera veciño e veciña que quixese participar. O alcalde deixou claro que fará as reunións que sexan necesarias cos veciños que as soliciten.

Esta xuntanza, realizada no Pazo da Peregrina, consistiu na explicación polo miúdo do proxecto aos veciños de Agrelo: “Por suposto as obras van supoñer molestias, pero estas molestias non serán nada comparado coa calidade de vida que van gañar os residentes desta rúa”, afirmou García.

“O Concello de Ames vai devolverlle a vida a unha rúa céntrica do núcleo de Bertamiráns que, na actualidade, non está a aproveitar todo o seu potencial”. A actuación de Agrelo non é máis que a continuación do proceso de transformación no que o Concello de Ames ten inmersos aos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns para facelos “máis amables, habitables e no que as persoas recuperen o seu espazo na rúa”, explica o alcalde.

Esta obra conta cun presuposto base de licitación que ascende a case 330.000 euros que asumirá con fondos propios o Concello de Ames para dotar así de beirarrúas de 2,5 metros e 5,5 metros nas marxes esquerda e dereita no treito que enroca coa rúa Entrerríos, beirarrúas de 3 metros e 2,5 metros no treito que enroca coa rúa Alcalde Lorenzo e un treito intermedio cunha zona de convivencia do tráfico peonil e rodado nunha plataforma elevada para darlle así continuidade ao itinerario peonil e ciclista dende a Améndoa Central cara o paso fluvial.

O alcalde opina que un concello como o de Ames, que non para de medrar, debe ter un Goberno que responda a este proceso de crecemento cunha votade de mellora continua e anuncia que en breve se anunciarán máis humanizacións coa intención de non frear a expansión do municipio.

O alcalde de Ames, Blas García, reúnese coa veciñanza de Agrelo para dar conta do proxecto de humanización da rúa