Pestanas principais

O alcalde de Ames asiste á Asemblea Xeral de Feiraco para a súa integración nunha nova cooperativa

Martes, 01 de novembro de 2016

[01-11-2016] Este luns, 31 de outubro, o alcalde de Ames, José Miñónes, acudiu á Asemblea Xeral de socios da cooperativa Feiraco que tivo lugar na súa sede en Ames. Nela ratificouse a adhesión a unha Nova Cooperativa galega conformada xunto ás cooperaticas Melisanto e Irmandiños. O seu obxectivo é a creación “dun grupo de referencia no sector agro-gandeiro de Galicia”.

Na mañá do luns 31 de outubro o alcalde de Ames, José Miñones, asistiu á Asamblea Xeral de socios da cooperativa galega Feiraco celebrada na súa sede neste municipio. Os socios ratificaron a súa integración nunha nova cooperativa de segundo grao, na que participarán ademais Irmandiños e Melisanto. Un proxecto que anunciaron xa o 21 de outubro e que está “aberto a outras cooperativas agrogandeiras”. O presidente de Feiraco, José Montes, cualificou esta xornada de “histórica” e dunha das máis importantes para a cooperativa. As asembleas xerais contaron coa presenza “multitudinaria” de socios. A da cooperativa Xallas, inicialmente convidada a participar, rexeitou a súa adhesións.

Os consellos reitores das cooperativas Feiraco, Irmandiños e Melisanto acordaron o 21 de outubro a súa integración nunha cooperativa de segundo grao. A decisión foi ratificada onte, luns 31 de outubro, tralas reunións das respectivas asembleas de socios de cada unha delas. Feiraco, co 97,6% dos votos, Melisanto co 96,03% e Os Irmandiños co 97% viron amplamente apoiado o proxecto.

Esta nova cooperativa pasará a realizar todas as actividades das anteriores fronte a terceiros. Estará constituída por un Consello Reitor formado por sete membros que se encargarán da súa administración e xestión. Á hora de adoptar acordos cada cooperativa de primeiro grao terá dereito a un número de votos proporcional á actividade cooperativizada.

A Nova Cooperativa constituíuse con tres obxectivos estratéxicos. Por unha banda búscase “a integración e potenciación dos servizos técnico-económicos”: aumentar a eficiencia dos custos de produción así como mellorar as explotacións. Ademais quérese optimizar o prezo da subministración e agregar volume para enriquecer a cadea de valor láctea, contribuíndo á súa estruturación.