Pestanas principais

O alcalde de Ames asina o contrato para a implantación da segunda fase da administración electrónica

Mércores, 19 de setembro de 2012

[19-09-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, vén de asinar co responsable da empresa Informática El Corte Inglés SA o contrato do servizo de implantación da segunda fase da administración electrónica no Concello. Este servizo foi adxudicado pola Xunta de Goberno Local polo importe de 175.044,50 euros. Coa implantación desta segunda fase, vaise a desenvolver un proceso de xestión documental a través do cal se van poñer en marcha arredor de 35 procedementos administrativos telemáticos que comprenden a dixitalización de 50.000 documentos e impresos.

O obxectivo do Goberno municipal é que o papel pase a un segundo plano e a veciñanza poida realizar as xestión municipais de forma telemática. Estes traballos desenvolveranse dende setembro ata finais de ano. O Concello de Ames atópase inmerso nun proceso de modernización e mellora dos seus sistemas e aplicacións informáticas, cuxo obxecto é modernizar e mellorar a xestión municipal, aplicando as novas tecnoloxías da información e comunicación. O proxecto pretende ademais prestar uns servizos públicos de maior calidade ao cidadán, a empresas e colectivos especiais.

Implantación de 35 procedementos
Na segunda fase da administración electrónica vanse a implantar de forma progresiva arredor de 35 procedementos de ámbito municipal. Algúns dos departamentos que se verán beneficiados deste proceso son o Rexistro municipal, o departamento de urbanismo, servizos sociais, e os servizos económicos, que engloban os departamentos de intervención e contratación.

Nesta segunda fase vanse informatizar diversos procedementos administrativos en diferentes departamentos para que despois se poidan acceder a estes servizos dende o exterior. É dicir, unha vez se dixitalice a documentación municipal a nivel interno isto facilitará o acceso a estes servizos por parte da cidadanía.

Os veciños e veciñas poderán acceder de forma telemática á documentación municipal a través da plataforma SIGEM, un proxecto de modernización e actualización das administracións locais que emprega a Deputación da Coruña. Mediante a plataforma SIGEM poderase acceder aos procedementos telemáticos que ofreza o Concello de Ames, así como aqueles que xa ten dispoñibles a Deputación. Trátase dun sistema que reúne en formato electrónico toda a documentación dun expediente, integrando os tradicionais subsistemas de rexistro, xestión de expedientes e arquivo. Ademais, a utilización de todos os procedementos que ten implantados a Deputación da Coruña permitiralle ao Concello de Ames un importante aforro de custos.

A través desta iniciativa dáse un paso máis na implantación da administración electrónica, un proceso que xa se aplicou en varios departamentos municipais, como é o caso do departamento de Educación, e cun resultado moi positivo. Por primeira vez, o Concello de Ames puxo en marcha este ano, un sistema on line para que os usuarios/as dos servizos complementarios puidesen preinscribirse e renovar praza na rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas de forma telemática. Arredor do 60% de usuarios que realizaron a preinscrición e renovación de praza fixérono de xeito telemático.

Así pois, o Concello comeza o proceso de instauración definitiva da administración electrónica co que os veciños e veciñas terán maiores facilidades á hora de solicitar certificados de empadroamento ou licenzas de apertura, apuntarse aos comedores escolares ou a calquera programa de conciliación da vida laboral coa familiar, reservar instalacións e equipamentos municipais para actividades e outras moi diversas xestións que mediante este novo sistema poderán realizarse dunha forma máis sinxela, máis rápida e eficiente, sen que se perdan os datos polo camiño ou non quede constancia dos procedementos realizados.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames asina o contrato para a implantación da segunda fase da administración electrónica"