Pestanas principais

O alcalde de Ames asina o contrato para a execución da segunda fase das obras de pavimentación interior en Lapido

Luns, 14 de xaneiro de 2013

[14-01-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o representante da empresa Obras y Viales de Galicia asinaron esta mañá o contrato para a execución da segunda fase das obras de pavimentación interior en Lapido. Desta forma, investiranse un total de 76.210 euros en rematar unha obra que se deixou sen concluír na lexislatura anterior por problemas de financiamento. Trátase duns traballos moi demandados polos veciños e veciñas da zona, que se iniciarán unha vez melloren as condicións climatolóxicas.


Tras a firma, o rexedor, acompañado do concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e da concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde, desprazáronse ata Lapido para observar de preto o lugar no que se farán as obras. Alí, puideron falar con veciños deste lugar. Ademais, o Concello de Ames púxose en contacto cos representantes da asociación de veciños A Merced de Lapido para informalos da sinatura deste contrato, avanzándolles, ademais, que as obras comezarán en canto melloren as condicións meteorolóxicas.

Sobre estes traballos, que se levarán a cabo grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, o rexedor destacou que “o actual Executivo cumpre o compromiso de levar a cabo a súa finalización, tal e como se comprometeu cos veciños e veciñas”. Santiago Amor fai fincapé en que “se trata dunha obra de interese público, xa que a pavimentación desta vía facilitará considerablemente o tránsito dos seus usuarios”.

O pasado 27 de decembro, en Xunta de Goberno Local, acordouse adxudicar estes traballos, nos que se investirán un total de 76.210 euros. Ante numerosas peticións veciñais, o Concello de Ames decidiu levar a cabo a ampliación do camiño no interior do núcleo de Lapido, de xeito que se unifique con un ancho de 8 metros, tal e como está contemplado no PXOM.

Esta actuación leva asociado o incremento das reposicións de peches de formigón nos terreos cedidos polos propietarios e o incremento da superficie a pavimentar con formigón ata os 8 metros de ancho. Tamén se contempla a canalización dos servizos de iluminación e telefónicos, coas correspondentes arquetas. Finalmente, inclúese o traslado de postes e contadores.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O alcalde de Ames asina o contrato para a execución da segunda fase das obras de pavimentación interior en Lapido"