[15-08-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, vén de asinar co responsable da empresa Telvent Tráfico y Transporte o contrato do servizo de mantemento das instalacións semafóricas do Concello de Ames. Con esta adxudicación e a sinatura do contrato, o Goberno de Ames cumpre o seu compromiso de traballar para garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica do municipio, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías. Ponse solución, deste xeito, a un problema herdado e mellorase a seguridade viaria no municipio.
Ante a imposibilidade de acometer estas reparacións con medios propios municipais, o Concello decidiu sacar a licitación este servizo, co que se cobren as garantías de funcionamento da rede de semáforos. O obxectivo do Goberno amiense é traballar en favor da seguridade viaria e garantir o correcto funcionamento da rede semafórica.
O prazo de execución do contrato será de dous anos, prorrogable por períodos dun ano, ata un máximo de catro anos. En virtude deste contrato, a empresa encargarase do mantemento de instalacións e das reparacións de todas as avarías, así como da limpeza de reguladores e semáforos. O importe do contrato ascende á contía de 23.519 euros, incluído o IVE.




