[14-02-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou esta mañá co xefe provincial de Tráfico na Coruña, Pedro Pastor del Castillo, o convenio no que se fixa o marco básico de colaboración entre o Concello e a Dirección Xeral de Tráfico e que inclúe unha addenda para a cesión de vehículos ou de equipos medidores, como etilómetros, cinemómetros ou medidores de potencia. Na sinatura tamén estivo presente o responsable da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez Freire.
Comisión de seguimento
O convenio básico bilateral entre o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico inclúe tamén a creación dunha comisión de seguimento que se reunirá a instancias de calquera das dúas partes e, cando menos, unha vez cada seis meses para examinar os resultados e incidencias que xurdan da colaboración realizada.
O grupo de traballo estará formado, por parte do Concello, polo alcalde de Ames e polo responsable da Policía Local. Por parte de Tráfico, formarán parte desta comisión o subxefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez Martínez, e pola xefa de sección, Rosa María Mourelle Vieites.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “se trata dun interesante convenio específico que inclúe a cesión de materiais como vehículos ou equipos, así como apoio técnico en actuacións relacionadas co plan de seguridade viaria”. “Trátase dunha demanda da Policía municipal”, engadiu. A visita do xefe provincial de Tráfico foi moi positiva, xa que se analizaron e trataron diferentes temas relacionados coa seguridade viaria. O rexedor amiense transmitiulle a Pedro Pastor a especial sensibilidade do Concello de Ames pola concenciación da población xuvenil en materia de seguridade viaria.
O convenio asinado ten como obxectivo a colaboración no desenvolvemento de determinadas accións en materia de tráfico e seguridade viaria, como poden ser as relativas á transmisión de datos e o acceso a rexistros. Ademais, asinouse unha addenda a este convenio bilateral para a cesión de material e apoio técnico por parte de Tráfico ao Concello de Ames. Isto permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía Local de Ames, que poderá contar con material ou vehículos cedidos temporalmente por Tráfico.
No documento da addenda establécese que a Xefatura Provincial de Tráfico cederá temporalmente ao Concello os vehículos e aparatos medidores (etilómetros, cinemómetros, medidores de potencia e outros equipos) que se determinen en cada caso específico. En función deste convenio, o Concello comprométese a informar á Xefatura Provincial de Tráfico, dentro da primeira quincena do mes seguinte, dos resultados da actividade levada a cabo co aparato medidor o mes anterior.
No marco deste acordo, Tráfico facilitará ao Concello de Ames o acceso ao rexistro xeral de vehículos e ao de condutores e infractores. Ademais, comunicaralle periodicamente ao Concello os datos relativos a novas matriculacións ou cambios de titularidade ou domicilio. Tráfico tamén colaborará na posta en marcha de aplicacións informáticas específicas e facilitará de forma periódica información sobre accidentabilidade e sobre os resultados das diferentes campañas. Por último, porá a disposición da Policía Local o material divulgativo e de comunicación que se elabore para cada unha das campañas.
Pola súa parte, o Concello de Ames deberá comunicar as sancións firmes graves e moi graves que detraian puntos, así como o resto de sancións graves ou moi graves. Ademais, comunicará os datos dos vehículos que deben o imposto sobre vehículos de tracción mecánica. A Policía Local tamén colaborará nas campañas de vixilancia e control e comunicaralle a Tráfico os datos obtidos en cada unha das campañas nas que participase.




