[23-08-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, un convenio dotado cunha achega económica de 173.637 euros euros para a xestión do servizo de comedor nos cinco centros educativos amienses para os cursos 2013-2014 e 2014-2015. O acordo asinado na Casa do Concello beneficiará aos centros educativos de Ames: CEP de Ventín, o CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño e a Escola de Educación Infantil do Milladoiro.
Servizo público e educativo
O servizo da rede de comedores escolares, un servizo xestionado directamente polo Concello, está dirixido ao alumnado de educación infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro.
Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.
Este é o segundo curso consecutivo no que o Concello de Ames asina un convenio coa Consellería de Educación para o cofinanciamento deste servizo, xestionado directamente polo Concello. O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou tras a sinatura do convenio que “nesta ocasión, e grazas ás xestións realizadas polo Goberno municipal, incrementouse a contía do convenio, que pasou dos 60.000 consignados pola Xunta o pasado ano aos 86.818 euros por curso de agora”.
Ao abeiro deste acordo, a Consellería de Educación apoiará ao Concello de Ames na xestión dos comedores do CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta, do CEP de Ventín, e da EEI do Milladoiro. A Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, o Concello comprométese á elaboración dos menús escolares, á repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.
O rexedor fixo fincapé en que “a acción do Executivo municipal permitiu que a Consellería de Educación entendera que a asignación de fondos debería ser en función do número de alumnos/as que integran a Rede Municipal de Comedores Escolares e non en función do número de centros educativos”. Por iso, o rexedor amiense agradeceu “o compromiso da Consellería de Educación con Ames, que recoñece a eficacia e impacto na comunidade educativa amiense da rede de comedores escolares, tendo en conta as específicas características poboacionais deste Concello”.
O alcalde engadiu que o Executivo amiense “está poñendo todos os medios ao seu alcance e segue traballando para manter a calidade e para a mellora da rede de comedores, un servizo que o próximo curso empregarán un total de 1.093 nenos e nenas”.
Este convenio enmárcase na colaboración que a Consellería ten establecido para o vindeiro curso cos concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Mugardos, Muíños e Santiago de Compostela para a prestación do servizo de comedor escolar en 33 centros educativos, grazas ao cal se lles facilitará a 2.349 usuarios/as acceder a este servizo complementario durante os próximos dous cursos, un 5,8% máis que os beneficiados no curso 2012/2013 por estes acordos. A achega total da Consellería para estes convenios será de preto de 680.000 euros.




