Pestanas principais

O alcalde de Ames asina co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o convenio de 60.000 euros para a xestión do servizo de comedores escolares

Martes, 24 de xullo de 2012

[24-07-2012] O rexedor amiense fai unha valoración positiva deste acordo, xa que é o primeiro convenio de colaboración asinado entre Xunta e Concello para este servizo. Santiago Amor fixo fincapé en que, deste xeito, “se cumpre o compromiso adquirido polo actual Goberno de lograr apoio económico da Xunta de Galicia para a rede de comedores escolares”.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou esta mañá co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, un convenio dotado con 60.000 euros para a xestión do servizo de comedor nos cinco centros educativos amienses para o curso 2012-2013. O acordo asinado esta mañá en Santiago beneficiará aos centros educativos de Ames: CEP de Ventín, o CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño e a Escola Infantil do Milladoiro.

Tras a sinatura do acordo, o rexedor amiense fixo unha valoración positiva deste convenio, xa que se trata do primeiro acordo de colaboración asinado entre Xunta e Concello. Santiago Amor fixo fincapé en que, deste xeito, “se cumpre o compromiso adquirido polo actual Goberno de lograr apoio económico da Xunta de Galicia para a rede de comedores escolares”. Trátase do segundo acordo alcanzado cunha institución para a rede de comedores escolares, tras a cesión ao Concello de Ames por parte da Deputación da Coruña dun vehículo para o transporte de alimentos elaborados.

O alcalde engadiu que o Executivo amiense “está poñendo todos os medios ao seu alcance e sigue traballando para  manter a calidade e para a mellora da rede de comedores”. De feito, no orzamento que vén de presentar o Concello destínanse máis de 1,4 millóns de euros ao funcionamento desta rede.