[04-07-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, trasladouse hoxe ao Milladoiro nada máis coñecer a noticia de que fora achado o Códice Calixtino nun inmoble desta localidade amiense. O rexedor achegouse á zona para coñecer de preto o estado das investigacións e para poñerse a disposición das forzas e corpos de seguridade do Estado en todo aquelo que fose necesario.
Santiago Amor amosou a súa “inmensa satisfacción” polos pasos dados para a resolución da sustración do Códice Calixtino e recalcou que “a de hoxe é unha excelente noticia para Santiago, Ames e toda Galicia, xa que se trata da recuperación dunha peza de incalculable valor patrimonial”.
O rexedor destacou “o traballo desenvolvido polos investigadores, que co seu esforzo conseguiron botar luz sobre este caso”, e optou por deixar traballar ás forzas e corpos de seguridade que continúan coa investigación.




