Pestanas principais

O alcalde de Ames acompañou á conselleira do Medio Rural na plantación de carballos no Milladoiro con motivo da celebración do Día Forestal Mundial

Xoves, 21 de marzo de 2013

[21-03-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañou esta mañá á conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na plantación de carballos no Milladoiro co motivo da celebración do Día Forestal Mundial, coñecido popularmente como Dia da Árbore. No acto tamén participaron o secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández Couto; a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o edil de Obras, Alfredo Taboada.


A Consellería de Medio Rural conmemorou este Día coa organización de diversas actividades de difusión e de concienciación social sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal en Galicia, así como plantacións de árbores por distintos concellos. Rosa Quintana sinalou que o noso monte -con 2 millóns de hectáreas de superficie forestal- ten un inmenso valor patrimonial, cultural, paisaxístico e económico, pois representa unha gran actividade empresarial e supón a creación de postos de traballo que contribúen á fixación da poboación no medio rural.

Precisamente por esta importancia e polo seu valor, a Xunta fai un chamamento ao coidado e mantemento dos montes de cara a evitar os incendios forestais, porque supoñen unha garantía económica de moitas familias e un valor medioambiental sen igual.