[06-11-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, vén de manter unha reunión co director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, na que analizaron a situación da concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II. O rexedor amiense subliña que o director xeral avanzoulle que “o procedemento administrativo da concentración parcelaria está encamiñado para que no primeiro semestre de 2014 se poida proceder ao trámite de notario e de rexistro dos títulos”.
Este é o segundo encontro que manteñen Santiago Amor e Antonio Crespo nos últimos meses, logo da reunión mantida o pasado 26 de xuño en San Caetano. Na reunión celebrada a pasada semana, o rexedor amiense tamén lle fixo chegar ao director xeral a solicitude de masas comúns de interese municipal.
O rexedor destacou a importancia dos asuntos abordados nesta última reunión e “a confirmación de que se están dando os pasos necesarios para rematar unha concentración parcelaria iniciada no ano 1991”. Deste xeito, recalcou que a previsión é que no primeiro semestre de 2014 se poida proceder aos trámites de notario e rexistro e que a evolución posterior dependerá dos tempos necesarios para o remate de ditos trámites.
A concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II, iniciada no ano 1991, comprende unha superficie de 740 hectáreas, aportadas por 1.537 propietarios en 16.733 parcelas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Anuncian el registro de títulos de la parcelaria amiense tras 22 años"