Pestanas principais

O alcalde asina o decreto coas delegacións de cada concellaría do novo goberno municipal

Luns, 19 de xuño de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, vén de asinar o decreto coas delegacións de cada unha das concellarías do novo goberno municipal. As competencias repártense en sete concellarías e mailas atribucións que lle corresponden ao alcalde. Ademais, realizouse o nomeamento dos/as tenentes de alcalde e dos/as concelleiros/as que formarán a Xunta de Goberno Local. Agora, queda por realizar o pleno de organización, que está previsto que se celebre o 28 de xuño, no que se decidirán as dedicacións de cada grupo municipal, así como a periodicidade coa que se celebrarán os plenos e as xuntas de goberno local, entre outros asuntos.

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, acompañado do voceiro do goberno municipal, Víctor Fernández, e maila primeira tenente de Alcaldía, Susana Señorís, realizaron unha rolda de prensa na que deron conta das delegacións de cada concellaría do novo goberno municipal de Ames. Previamente á rolda de prensa o alcalde asinou o decreto coas delegacións de cada unha das concellarías do novo goberno municipal.

Deste xeito o alcalde, Blas García, disporá das competencias relacionadas coa Alcaldía, Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación. Xestionará as áreas de cultura, bibliotecas, festas, tecnoloxías da comunicación, informática, relación cos medios, axenda urbana, proxectos europeos e normalización lingüística. Susana Señorís encárgase da Concellaría de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde. Seguirá xestionando as mesmas áreas que no mandato anterior e engade ás áreas de economía, facenda, contratación e relacións institucionais. Así xestionará economía, facenda, contratación, deportes, saúde e relacións institucionais.

Víctor Fernández é concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade e xestionará as áreas de urbanismo, administración xeral, persoal, seguridade, tráfico e transporte. Neste caso incrementa as competencias de tráfico e transporte. Ademais, Víctor Fernández será o voceiro do Goberno municipal. Ana Belén Paz é concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, que comprende as áreas de comercio, innovación, emprego, atención e participación veciñal. Xestionará as mesmas áreas que no mandato anterior e suma as competencias de atención e participación veciñal.

Por outra banda, Gustavo Nieto encárgase da Concellaría de Obras e Servizos Básicos que engloba as áreas de planificación e programación de obras, brigada municipal, parques, xardíns e áreas infantís, ciclo integral da auga, xestión do lixo, cemiterio municipal e iluminación. Uxía García levará a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado que comprende as áreas de servizos sociais, igualdade, migración e voluntariado.

Javier Antelo é o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio. Xestionará as áreas de medio ambiente, plan de prevención de incendios, aula da natureza, xestión ética de animais, patrimonio histórico e municipal e transparencia. Por último, Carmen Porto é concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, que comprende as áreas de educación, servizos educativos complementarios e de conciliación, e mocidade.

Tenencias de alcaldía e Xunta de Goberno Local
Asemade, asinouse o decreto polo que se nomean os/as tenentes de alcalde. Así o primeiro tenente de alcaldía é Susana Señorís; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a Víctor Fernández; a terceira tenente de alcalde é Ana Belén Paz; a cuarta tenencia de alcaldía é para Gustavo Nieto.

A Xunta de Goberno Local estará composta por Blas García, que na súa calidade de alcalde actuará como presidente, Susana Señorís, Víctor Fernández, Ana Belén Paz e Gustavo Nieto. Deste xeito, redúcese o número de concelleiros/as que forman a Xunta de Goberno Local pasando de sete a cinco membros. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local realizaranse os xoves, ás 9.30 horas, coa periodicidade que se fixe no pleno de organización.

Pleno de organización
Agora, queda por realizar o pleno de organización, que está previsto que se celebre o 28 de xuño, no que se decidirán as dedicacións de cada grupo municipal, así como a periodicidade coa que se celebrarán os plenos e as xuntas de goberno local, entre outros asuntos. Sobre este asunto o alcalde dixo que “estase traballando no pleno de organización. Antes de dito pleno vaise abrir un proceso de negociación con todos os grupos municipais con representación na Corporación municipal. A proposta que se lle vai trasladar é que todos os grupos teñan unha dedicación e polo tanto unha asignación completa ou parcial, a maiores do que está recollido no ROM, que é dispor dun espazo de traballo e de recursos técnicos e humanos”.

Valoracións do Goberno municipal
O voceiro do Goberno municipal, Víctor Fernández, sinalou que “unha vez feito o reparto das concellarías e áreas de xestión, dende o goberno comezamos a traballar con moita ilusión e responsabilidade. Somos conscientes do reforzo de traballo que imos ter que facer, pero farémolo coa máxima dedicación posible e enorme responsabilidade. Somos tal e como xa o dixemos a semana pasada, un goberno de cooperación, e queremos ampliar o diálogo con todos os grupos municipais que están na oposición. Por iso imos a presentar dita proposta de reparto de dedicacións cos grupos da oposición, porque todas as persoas que están na política deben de dispoñer dos medios necesarios para desenvolver o seu traballo. Ademais os concelleiros e concelleiras da oposición tamén representan á veciñanza polo que deben dispoñer dos medios necesarios para facer o seu traballo”.

Por último, Blas García, dixo que “a primeira reunión que tivo hoxe este novo Goberno municipal foi cos representantes do persoal porque quixemos que fosen eles os primeiros en coñecer como queda estruturado o goberno municipal. Nos vindeiros días iranse facendo xuntanzas nos diferentes departamentos para que o persoal municipal coñeza aos novos/as concelleiros e concelleiras. Ademais, iniciamos un período novo e de cambio no que imos a gobernar en solitario. Sabemos das dificultades que vai supoñer, pero ditas dificultades non vai a minorar a ilusión coa que todos os membros do goberno afrontan esta nova etapa. É unha decisión arriscada pero moi meditada. A nosa sinal de identidade sempre foi e seguira sendo o diálogo, consenso e maila participación, tanto dos grupos da oposición como da cidadanía en xeral”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Blas García asume el reto de gobernar Ames en minoría y ofrecerá dedicaciones a la oposición"

Lindeiros: "Compostela e Ames presentaron aos novos equipos de goberno"

Imaxe da rolda de prensa sobre o reparto das delegacións de cada concellaría do novo goberno municipal

Multimedia

  • Imaxe da rolda de prensa sobre o reparto das delegacións de cada concellaría do novo goberno municipal
  • Imaxe da rolda de prensa sobre o reparto das delegacións de cada concellaría do novo goberno municipal