Pestanas principais

O alcalde aborda co delegado do Goberno en Galicia a ampliación da depuradora de Sisalde e maila humanización do Milladoiro

Martes, 09 de maio de 2023

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, xunto con concelleiros e concelleira da Corporación municipal, recibiu na Casa do Concello ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Tratouse dunha visita institucional na que o rexedor municipal lle pediu ao delegado do Goberno en Galicia a colaboración institucional para executar tres grandes proxectos que son de vital importancia para Ames como son a ampliación da depuradora de Sisalde, a humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e maila creación dunha Oficina para a Xestión e Apoio de Comunidade Enerxéticas.

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá a Casa do Concello de Ames. Alí foi recibido polo alcalde de Ames, Blas García, e por varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal. Gómez Besteiro asinou no libro de Honra do Concello de Ames e recibiu de mans do rexedor municipal un libro con fotografías de Ames e un exemplar do libro “A Cancela” de Filomena Fraga, a poetisa de Ames.

Tratouse da primeira visita institucional de José Ramón Gómez Besteiro ao Concello de Ames para repasar os proxectos conxuntos do Goberno de España e maila Administración local. O delegado, o alcalde e a subdelegada María Rivas avaliaron investimentos en transición enerxética e de impulso á mobilidade sostible.

O alcalde de Ames agradeceu a visita do delegado do Goberno en Galicia porque segundo dixo é unha satisfacción para o Concello de Ames. O rexedor municipal aproveitou esta visita para solicitarlle a colaboración institucional en varios temas que xa están en marcha, pero que van a necesitar o impulso da delegación do Goberno en Galicia. Pediulle a súa colaboración para o proxecto de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e no proxecto de mellora da intersección da estrada N-550, no quilómetro 67,150, coa estrada SC-20 que se vai executar na rotonda de entrada á localidade do Milladoiro.  

Outros dos temas abordados foi a posible creación dunha Oficina para a Xestión e Apoio de Comunidades Enerxéticas que foi solicitada ao Goberno do Estado. Segundo dixo o rexedor municipal hai unha partida no Orzamento de 2023 para a posible creación desta oficina en Ames e que redundará no beneficio da veciñanza de Ames para que se poidan facer socios/a de dita comunidade enerxética.

O delegado do Goberno en Galicia agradeceu o recibimento do alcalde e dos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal. Na súa visita a Ames manifestou que o proxecto de humanización do Milladoiro é practicamente unha realidade. Está a piques de licitarse a súa execución. Ademais dixo que Ames é un concello cunha poboación moi nova e moi vital e así o demostran moitos dos proxectos nos que traballa o Goberno municipal como é ese proxecto pioneiro de potenciar as comunidades enerxéticas que se enmarca dentro do eido enerxético.

Visita á EDAR de Sisalde
Posteriormente, o delegado do Goberno en Galicia e mailo alcalde de Ames acompañados da concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís, e do concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, achegáronse ata as instalacións da depuradora de Sisalde. Alí mantiveron un encontro co director xeral de Espina y Delfín, Alejandro Amoedo, co administrador solidario da empresa, Óscar Rodriguez, co director de servizos, Juan Somoza, e co director comercial, Alejandro Castro.

Na visita á EDAR de Sisalde o rexedor municipal expúxolle ao delegado do Goberno en Galicia a problemática que ven sufrindo o Concello de Ames nesta infraestrutura. Existía un compromiso de proxecto para a ampliación da EDAR por parte do anterior presidente da Xunta de Galicia que ata o de agora non se materializou. Ademais, analizouse a posibilidade de obter fondos europeos para desenvolver a execución de dita ampliación.

A EDAR de Sisalde presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes. Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender. Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volveu a facer un novo informe no que se indicaba que a poboación á que estaba atendendo esta EDAR era de 23.500 habitantes. Na actualidade dita EDAR está atendendo a 14.000 usuarios máis do inicialmente previsto.

Segundo explicou Blas García o Concello de Ames recada anualmente 400.000 euros, a través do canon de saneamento, para a Xunta de Galicia, o que quere dicir que nos oito anos que leva gobernando o actual Goberno municipal recadáronse máis de tres millóns de euros a través do canón de saneamento. O alcalde dixo que unha vez máis solicitámoslle á Xunta que elabore un proxecto de ampliación de dita depuradora, algo que xa se lle solicitou en reiteradas ocasións. Nós dende o Concello queremos colaborar buscando fondos para este proxecto, pero para iso necesitamos coñecer a contía do proxecto de ampliación da EDAR.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Besteiro conoce el plan de Ames para comunidades energéticas"

El Correo Gallego: "Los fondos para la depuradora de Sisalde tensan el diálogo entre Ames, Xunta y Madrid"

AMS GO!: "O delegado do Goberno visita Ames"

Enfoques: "García y Besteiro piden a la Xunta detallar los fondos para la depuradora de Sisalde, en Ames"

Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia

Multimedia

  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia
  • Imaxe da visita do delegado do Goberno en Galicia